
Sen dúbida, 2006 foi un ano no que destacaron especialmente os inventos tecnolóxicos. Nintendo sacouse da manga a video consola Wii, que propón un novo xeito de xogar, empregando o mando como aparello virtual achegándonos máis opcións de interacción có mando tradicional. Inventouse tamén un vehículo que viaxa preto de 5.000 quilómetros con tan só 4 litros de combustible (sen dúbida moito máis interesante ó meu xuízo ca calquera videoxogo, aínda que polo de agora só é un prototipo) ou un robot que proba a comida mediante un sensor de infravermellos, e que avalía a composición dos alimentos para saber se están en boas condicións (a sorte dalgúns cociñeiros é que o robot aínda non recoñece o sabor das comidas para poder probalas por nós, pero todo se andará).
Os robots avanzados foron algúns dos inventos máis salientables do ano que remata. Xunto co robot “cociñeiro”, atopamos o Murata Boy, un robot que pode subir en bicicleta por costas arriba, que conta con tecnoloxía Bluetooth e con catro tipos de sensores: dous para detectar a velocidade e a inclinación, un para os obstáculos e outro para as superficies polas que circula (un invento curioso aínda que con absolutamente ningunha utilidade para a humanidade, a non ser que vaia en bicicleta a apagar o lume dos montes ou a salvar vidas á alta montaña, cousa que é pouco probable polo de agora).

O Tesla Roadter Electric é un automóbil peculiar, que pasa de 0 a 100 quilómetros por hora en algo máis de catro segundos e está alimentado por 6.800 baterías de ión de litio, unha característica que tamén o fai moi atractivo no tocante ó aforro de enerxía e de loita contra a contaminación. O único problema é o seu elevado prezo (uns 100.000 dólares), que fai que sexa polo de agora inacadable para unha boa parte dos petos.
Inventouse tamén outro vehículo, o BMW Clever, que alcanza os 80 quilómetros por hora e que pode transportar ata 3 persoas, aínda que o máis salientable é o seu sistema de estabilidade, que lles permite ós pasaxeiros de atrás poderse inclinar ata nun ángulo de 45º ó tomar unha curva. Supoñemos que este último detalle é o que lle fai ser un dos mellores inventos do ano, aínda que non lle atopamos a utilidade para a xente de a pe (nunca mellor dito).
A voltas coa camiseta das apertas: a nosa valoración
Esteamos ou non de acordo coa revista Time, o certo é que o mérito de YouTube é ben grande. Pola súa magnitude será chamado a converterse no “futuro lecer global”, di a publicación, pois a dous anos escasos de ter nado, xa se manifesta como o fenómeno máis senlleiro de Internet para ver vídeos e descargalos. Precisamente, remexendo nos contidos do YouTube atopamos outra infinidade de inventos máis que curiosos e moi dignos de ser incluídos na reportaxe da devandita publicación e que foron pasados por alto malia tratarse de verdadeiras revolucións para a humanidade (sobre todo o anaco de humanidade máis friki) e de darlle mil voltas ós escollidos pola Time.
Por exemplo, que ten de especial unha camiseta simuladora de apertas que non teña unha camiseta con guitarra incorporada? Trátase dunha prenda creada por uns científicos australianos que emite sons reais ó mover os brazos sobre ela, xa que leva uns sensores instalados nos cóbados que se encargan de enviar as notas a un ordenador que as interpreta como punteos de guitarra. Toda unha revolución para os amantes da boa música (ou da música sen máis: deixémolo así).
Un invento verdadeiramente útil é este outro: un chaveiro para as chaves do coche que nos avisa cando o tícket de estacionamento está a piques de vencer: leva un reloxo no que lle introducimos a hora límite e, cando esta se vai achegando, ponos sobre aviso co fin de que teñamos tempo abondo de volver ó coche e cambialo de sitio ou meterlle máis moedas. Non está mal de todo, e sen dúbida pode axudarnos a aforrar moitas multas e situacións non desexadas.
Sexa como sexa, o que de verdade nos pode axudar a evitar malos momentos (e mesmo desgrazas) é un móbil cun alcoholímetro incorporado que detecta se a persoa que fala está ebria ou capacitada para conducir. O malo do aparello é que o seu inventor non deu máis de si e o único que creou foi un terminal con capacidade para impedirnos chamar a certos números en caso de ter unhas copas enriba. En Corea xa se venderon máis de 200.000 terminais, o que significa que alá é común facer parvadas co móbil cando as cervexas (ou o que sexa que beben) fai efecto. En Galicia, unha das maiores parvadas que se fan é a de coller o coche para volver á casa, polo que o móbil do ano debería ter contacto directo coa parada de taxi máis próxima ó detectar o estado de embriaguez do individuo: deste xeito evitaríanse moitos accidentes, sobre todo nestas datas.
Un invento non moi útil pero ben simpático é a pintura imán, que, grazas á súa fórmula férrica, serve para suxeitar obxectos imantados á parede, converténdoa nun taboleiro de notas de excepción. Iso si, cómpre non contar con ter cobertura no cuarto ou tecnoloxía sen fíos para o ordenador: o espazo atmosférico creado non é compatible coas ondas electromagnéticas, ademais de ser unha posible fonte canceríxena, pero son os pequenos atrancos que hai que asumir para permitirse este peculiar antollo. Nada importante.
Pero para antollos, o mango de ducha Color Shower, aparello que se acopla á mangueira e á billa do baño e que se alumea ó paso da auga con distintas cores dependendo da temperatura á que estea a mesma. Evita que nos escaldemos ou, pola contra, fiquemos conxelados no primeiro baño do día, cando aínda non acordamos de todo para adiviñar a temperatura da auga (tampouco debemos confiarnos, xa que non nos evita esvarar). A auga, dependendo dos graos ós que estea, sae das seguintes cores:
Menos de 28º. Auga fría. Cor azul.
Entre 28º e 34º. Auga morna. Cor violeta suave.
Entre 35º e 41º. Auga quente. Cor violeta forte.
Máis de 41º. Auga moi quente. Cor vermella.
Esquiando sen neve: a tolemia do tempo de lecer
Non me podo imaxinar a reacción dos lectores se digo que fixen un bocadillo de xamón sen xamón, ou que fun a esquiar sen neve, pero supoño que se asemellará moito á que tiven eu cando lin que se inventara un reloxo de area, mais sen area. 
Son moitos, moitísimos (nunca imaxinara que fosen tantos) os individuos con tempo libre de máis (e non menos imaxinación) que lles permite inventar aparellos inútiles e totalmente innecesarios, como parapentes para tapóns de botellas, paraugas para cans, dispensadores de panos de papel para almofadas, espertadores que voan polo cuarto ata seren desconectados, 
