Nos últimos anos estamos a ser testemuñas dun gran cambio no xeito de comunicárense dos adolescentes. É igual que vaiamos a un instituto de secundaria, ó cine, no autobús ou nada máis que dando unha volta pola rúa; comprobaremos que sempre hai varios mozos “colgados” ós seus móbiles formando parte da paisaxe cotiá, ben falando entre eles con xergas estrañas e amosándose as últimas descargas que fixeron ese serán ou, na maioría dos casos, enviando mensaxes curtas nunha linguaxe case indescifrable para os que xa non son adolescentes. Segundo as estatísticas dos principais operadores de telefonía móbil, cada terminal envía ó día unha media de vintenove mensaxes de texto. Vintenove! Este dato dános unha idea aproximada da cantidade de cartos que se manexa na telefonía móbil e, sobre todo, da realidade da adición ós móbiles por parte dos máis novos.
Segundo datos extraídos do II Simposio Internacional Multidisciplinar sobre o Trastorno por Déficit de Atención e trastornos da conduta, ata o 12 por cento dos adolescentes españois abusan do móbil ou de Internet, aínda que isto non significa que todos rematen sendo casos patolóxicos. Neste simposio, organizado por CONFIAS (Fundación para unha infancia e adolescencia saudables) e o Hospital Ramón y Cajal de Madrid, o doutor Jesús de la Gándara, xefe do Servizo de Psiquiatría do Complexo Asistencial de Burgos, apuntou que “o emprego destas tecnoloxías é consecuencia da hipermodernidade actual” e que cando o uso das mesmas deriva nun abuso, o problema tamén pasa a ser das familias.
A gran realidade, apuntan estas e outras fontes (coma a AIS nun estudo na súa web ou o Observatorio da Educación), semella ser a seguinte: a adición ós móbiles existe nun gran número de adolescentes que pasan o día, literalmente, enganchados ó teléfono, co agravante de que, nesta sociedade, se un rapaz non ten móbil, de seguido é considerado como un becho raro polos seus compañeiros. Neste senso, estanse a estudar modelos nos que se observa cómo os adolescentes se fan “adictos” a unha tecnoloxía ou a un comportamento, algo relacionado coa dopamina, a noradrenalina e as endorfinas. As consecuencias adoitan a ser fracaso escolar e social, alteracións da conduta, autismo e peche progresivo á realidade. Entre as solucións para atallar este problema concreto, De la Gándara afondou na necesidade de modificar o comportamento dos xoves mediante terapias de conduta que impliquen ó neno, á familia ou a ambos.
O 12 por cento dos mozos españois son adictos ó móbil
Compartir Este Artigo
