Falamos hai uns días das medidas que se están a pór en práctica na Estrada para normalizar o emprego de Internet, pero este concello pontevedrés non foi nin será o único da nosa terra que está a tentar levar as redes da información alí onde xa moitos nin contaban con elas: lonxe das grandes cidades, principalmente. Segundo informou A Voz os días pasados, Avión leva xa dende o ano 2004 apostando pola tecnoloxía sen fíos WiFi (co fin de estreitar e axilizar no posible a comunicación entre os veciños residentes e veciños os emigrantes) e Ribadumia está a estudar a habilitación dunha rede de acceso de balde para a veciñanza. Na primeira destas dúas experiencias tecnolóxicas, a instalación da rede consistiu na posta en marcha dunha infraestrutura privada vía satélite con tarifa plana e tecnoloxía sen fíos e que, hoxe en día, dá servizo ás case 40 vilas das novas parroquias con que conta Avión.
A través desta rede, quíxose facilitar o contacto cos emigrantes e (tamén) facer o posible por deixar atrás certos problemas de comunicación que en Galiza son comúns a case tódolos concellos: referímonos á ausencia de liñas telefónicas de calidade que veñen deixando fóra da Sociedade da Información a unha manchea de núcleos de poboación do rural (e que ven no WiFi unha posible alternativa, case sempre mesturada con outras tecnoloxías). Cómpre lembrar que Avión ten 122 quilómetros de superficie e que a rede cobre practicamente a súa totalidade.
O de Ribadumia é un caso diferente. Trátase dun concello que aínda non ten WiFi pero que está a estudar a posibilidade de telo e poñelo a disposición dos veciños de xeito gratuíto. Segundo informou o Concello a Europa Press, a medida serviría para que os cidadáns coñezan as vantaxes da Sociedade da Información e, sobre todo, a un baixo custe. Neste intre estase a barallar a concorrencia de distintas tecnoloxías e cóntase coa cooperación de técnicos informáticos da Deputación de Pontevedra.
A iniciativa incluiría a creación dunha rede e a dotación do equipamento preciso para os cidadáns, amais da integración de toda a tecnoloxía en puntos públicos de acceso, que estarán situados (presumiblemente) en infraestruturas públicas xa existentes e situadas a certa altura, como farois ou semáforos. O equipamento completaríase cun centro de procesamento de datos situado no consistorio.
Avión e Ribadumia: máis WiFi para o rural galego
Compartir Este Artigo
