Coa posta en marcha da canle de televisión interactiva CXN TV, Caixanova vén de abrir un vieiro dobremente novo. E dicimos o de “dobremente”, porque por unha banda significa a apertura de novos eidos de mercado para a propia entidade bancaria e, pola outra, constitúe o primeiro movemento desta índole que leva a cabo unha caixa de aforros en España. O proxecto foi presentado este mércores 16 de maio en Vigo, nun acto que contou coa presenza de José Luís Pego e Julio Fernández Gayoso, director xeral e presidente de Caixanova, respectivamente. Trátase dunha iniciativa a desenvolver en dúas partes: na primeira CXN TV poderá verse en 30 oficinas da cidade da Coruña, na sede principal de Caixanova en Vigo e na de San Paio de Navia na mesma cidade; e na segunda darase cobertura a toda a rede de sucursais da entidade bancaria e ós centros socioculturais.
O obxectivo é que todos eses traballos culminen coa emisión da canle a través da Rede e da televisión por fío de R, “chegando tanto a fogares de clientes como de non clientes, e fornecendo ós galegos e galegas da posibilidade de operar coa banca electrónica a través da TV”, sinalaron os responsables da iniciativa.
No acto de presentación, ó que tamén acudiron o presidente de Filmanova, Antón Reixa e máis o xerente de Zozo, Jorge Rodríguez, fíxose fincapé na interactividade da nova canle. A idea de Caixanova é empregar o novo servizo para favorecer no posible a comunicación cos clientes da entidade e cos usuarios en xeral da televisión, achegando “plena interactividade e, nun primeiro momento, información sobre produtos e servizos financeiros, actividades socioculturais, publicidade propia e allea, así como outro tipo de información, como as previsións meteorolóxicas”, sinalou a caixa de aforros galega.
O proxecto terá o apoio de Filmanova e Zozo en materia de deseño de software para a divulgación e emisión de contidos e desenvolvemento do sistema de xestión de pantallas.
Caixanova presenta o seu proxecto de televisión interactiva CXN TV
Compartir Este Artigo
