Microsoft e a Asociación Australiana da Industria Informática (AIIA) están a organizar conferencias técnicas educativas para animar ós mozos a orientar as súas carreiras ó sector tecnolóxico, para o que pretenden desfacerse de certa imaxe friki, para o que contrataron como imaxe a Erin McNaught, unha presentadora de televisión que foi Miss Australia en 2006.
Así, sitúan a McNaught, que actualmente presenta o programa tecnolóxico Cyber Shack no Channel 10, coma un “modelo a seguir”, para que os estudantes de carreiras tecnolóxicas vexan de xeito máis atractivos as súas profesións, e mesmo se anime a máis mozas a introducirse no sector das TIC.
Fragmento do programa de televisión presentado por Erin McNaught |
McNaught non destaca por ter titulacións tecnolóxicas (abandonou os estudos para dedicarse á súa carreira coma modelo) pero é moi popular coma analista de videoxogos e amosando ós espectadores do seu programa o lado máis divertido da tecnoloxía, de aí que a súa imaxe desenfadada poida servir para desbotar o mito de que a tecnoloxía é para homes.
Nesta mesma liña incluso traballan as compañías de videoxogos, que montan grupos como as Frag Dolls para animar ás rapazas a manifestar publicamente o seu gusto polos videoxogos. O público feminino ten cada día máis presenza entre o público dos videoxogos e das concentracións informáticas, pero esta evolución se está a acadar mediante o esforzo de moitos actores, que topan con atrancos culturais importantes, que poden lembrar á inserción da muller ó mercado laboral hai varias décadas.
