A listaxe de clons internacionais de servizos Web 2.0 norteamericanosA revista norteamericana Business 2.0 no seu número de agosto denuncia que a Web 2.0 está a converterse nunha praga internacional de clons dos servizos de máis éxito, de xeito que hai pouca innovación e moita imitación. Para deixar constancia de isto, fan unha táboa amosando as réplicas que aparecen en varios países (Brasil, Francia, China, Alemaña, México…) dos servizos Digg, Facebook, YouTube e LinkedIn, que aínda que non sexa moi precisa (critican certo descoñecemento da realidade doutros países e mesmo sitúan como copia a servizos anteriores ós norteamericanos) serve como exemplo da dura competencia que se está a vivir na Web 2.0, que vive unha auténtica guerra dos clons, de xeito que só uns poucos sobrevivirán, tendo que acadar o seu propio nicho de usuarios e loitar por manter as súas posicións (para o que teñen que estar incorporando melloras constantemente). Se miramos o caso español poderiamos dicir que xa temos equivalentes a Digg (Menéame), a YouTube (DaleAlPlay) e a LinkedIn (eConozco), pero hai que recoñecer que cada un ten as súas singularidades, polo que, aínda que sexa practicamente imposible superar os servizos norteamericanos, cada unha das alternativas ten os seus usos propios e os seus usuarios axeitados. Incluso poderiamos dicir que moitos dos servizos da Web 2.0 nacen da inspiración noutros servizos, e mesmo chegan a interactuar, o que indica que polo momento aínda hai lugar para moitas destas solucións, pero parece evidente que a saturación xa se está a acadar en moitos ámbitos, e lanzarse a eles podes ser pouco menos que suicida (como intentar competir con YouTube, canda xa hai ducias de grandes servizos de vídeo baseados en tecnoloxía Flash). Mapamundi da Internet publicado en Business 2.0No mesmo número de Business 2.0 tamén publican un documento moi orixinal: un mapamundi no que o tamaño dos países é relativo á súa importancia na Rede. O mapa interactivo presenta unha España cunha penetración da Internet do 43,9% (preto de 20 millóns de internautas) pero, ó igual que a listaxe anterior, este mapa non está ausente de imprecisións, xa que pretende debuxar a importancia dos distintos países para os EE.UU. pero baseándose nuns datos de dubidosa procedencia, na que aparece unha excesiva penetración da Internet en Portugal (73,8%) cando distintos estudos sitúan tal porcentaxe por debaixo do 20%, esaxeración que tamén se repite con Francia (cun 53,7% de penetración da Rede, mentres se coida que a ratio actual é do 38%). De tódolos xeitos resulta curioso ver como a superficie xeográfica no mundo real non se corresponde coa importancia relativa na Internet.