Vídeo de explicación do que é o bacn |
Dende un blog de El Mundo chaman a atención sobre un novo termo que está a nacer na Rede; trátase de Bacn (pronunciado beicon) que é algo semellante ó spam, coa diferenza de que se trata de correo electrónico aprobado polo usuario, pero que asolaga igualmente a bandexa de entrada do correo electrónico.
Cando xa levamos algún tempo usando unha única conta de e-mail convértese en habitual recibir moitas mensaxes que non sexan persoais, que irían dende boletíns ata alertas, que nun principio son contidos que nos interesan, pero cando a súa oferta é moi elevada nos fai máis complicado atender ás mensaxes máis importantes e supoñen un atranco diario que decidiron chamar bacn durante unha conferencia celebrada en Pitssburgh a pasada fin de semana, e que podería imporse.
Lembremos que en EE.UU. a palabra spam tamén se asocia a unha marca de carne enlatada, polo que o bacn (touciño) podería servir coma un termo asociado, aínda que haberá que agardar para ver se o neoloxismo se integra no vocabulario internauta global.
Aínda así, hai que lembrar que se ben o spam é malo xa existen filtros para eliminalo, e co bacn a operación aínda é máis sinxela, pois coñecemos a fonte das mensaxes, de xeito que resulta doado establecer regras no noso correo para que as mensaxes de certo tipo de garden en cartafoles diferenciados para evitar o asolagamento da nosa bandexa de entrada e permitir o almacenamento dos correos para os momentos nos que esteamos en disposición de consultalos sen supor un atranco para as nosas tarefas máis urxentes.

