As redes municipais de acceso á Rede libre mediante Wi-Fi tiñan como principal atranco en España a oposición das empresas de telecomunicacións canalizada a través da CMT, de xeito que os concellos non as poden xestionar directamente, de aí que redes como A Estrada Dixital pasen a ser de pago e estean administradas por unha fundación. O que igual nos sorprende e saber que nos EE.UU. pasa o mesmo, e en moitos estados as corporacións municipais tampouco poden artellar as súas propias redes sen fíos de balde, tendo que chegar a acordos con empresas para levar a bo porto as súas iniciativas en prol dunha Internet máis próxima ós cidadáns.
Nun principio parecía que moitas cidades norteamericanas estaban a gozar de acceso á Rede de balde mediante Wi-Fi, pero a realidade resulta ser moi distinta, e parece que a meirande parte dos proxectos para facer tal aínda están en fases iniciais.
Todo indica a que as ambicións dos políticos locais, que vían como o acceso sen fíos á Internet era un sinónimo de modernidade, non tiña en conta a complexidade técnica de crear unha infraestrutura para dar cobertura a centos de quilómetros cadrados, e aínda que pechasen acordos con empresas coma EarthLink, as mesmas non son capaces de cumprir cos prazos comprometidos inicialmente, e ben como os seus investimentos en infraestruturas resultarán imposibles de amortizar por mor da chegada de tecnoloxías alternativas (HSDPA e WiMAX).
Polo momento,Chicago xa desbotou o seu proxecto Wi-Fi, EarthLink deberá pagar 5 millóns de dólares á cidade de Houston polo retraso na implantación da súa rede Wi-Fi (que podería non chegar nunca) e agora a cidade de San Francisco, na que parecían estar interesadas varias operadoras para achegar conexión sen fíos quedará sen proxecto Wi-Fi.

Newsom declarou que na actualidade a rede Wi-Fi de San Francisco “xa debería estar a funcionar”, pero EarthLink disolveu o contrato coa cidade pois non considera que o proxecto vaia a ser economicamente viable, polo que a rede sen fíos que EarthLink administraría coa colaboración de Google que daría un acceso básico de balde e outro avanzado de pago (por uns 20 dólares/mes) non verá a luz.
Actualmente EarthLink está a sufrir unha importante crise, en boa medida por intentar facer negocio co Wi-Fi, pois parece que as intencións das pequenas operadoras de facer fronte ós xigantes das telecomunicacións mediante redes municipais sen fíos carecía dunha base de negocio que lle puidese dar estabilidade a medio prazo, e respondían máis a un ideal que a unha realidade.
Agora os concellos deberán buscar alternativas para achegar Internet de balde ós seus cidadán, se é que deben facer tal, pois a revolución da Internet móbil poderían facer que a tecnoloxía Wi-Fi se limitase a substituír as instalacións cableadas de datos de empresas e fogares, mentres que para o acceso á Rede dende calquera lugar se impoñan as distintas tecnoloxías sen fíos que xa están a ter moito éxito en Asia (cunha boa aceptación do HSDPA no Xapón e do WiBro en Corea do Sur).
As redes Wi-Fi municipais están en crise nos EE.UU.
Compartir Este Artigo

