Randy Allen amosando un dos novos AMD Opteron de 4 núcleosO moi anunciado microprocesador de 4 núcleos de AMD que se viña coñecendo co nome chave de Barcelona chega ó mercado dos servidores, aínda que para 2008 poderán saír versións para ordenadores persoais. O novo procesador presentouse en San Francisco, nun evento no que Héctor Ruiz, presidente e xefe executivo de AMD, anunciou que estaba “deseñado para gañar en 4 areas chave: rendemento, protección do investimento, virtualización e eficiencia enerxética”. Héctor Ruiz durante a presentación dos novos procesadoresAlgúns desenvolvedores que puideron medir a potencia dos novos procesadores sosteñen que as súas prestacións son lixeiramente superiores ás dos procesadores Intel da mesma gama, aínda que haberá que agardar ó lanzamento das versións de 2,5 e 3 GHz para ver a auténtica potencia desta nova versión dos procesadores Opteron, que se converten nos primeiros procesadores x86 con 4 núcleos reais (os de Intel terían 2 núcleos dobres) e precisamente esta complexa solución tecnolóxica ocasionou moitos atrancos no seu desenvolvemento que demorou o lanzamento ata hoxe. Dende AMD anuncian que é posible compatibilizar os Opteron de 4 núcleos a máis de 50 sockets, o que podería facer que nos vindeiros meses se incorporarse a multitude de equipos e non se limitase ó seu uso en servidores corporativos.