César Alierta, presidente de Telefónica, recoñeceu que a súa empresa está a manter conversas con Apple para vender o teléfono iPhone en España, posiblemente a primeiros de 2008, aínda que non confirmou o peche das negociacións.
O conselleiro delegado da filial británica de Telefónica (O2), Peter Erskine, tamén comentou que o feito de que conseguiran liberar o iPhone para que se poida empregar por operadoras distintas da contratada inicialmente non é un problema para a súa compañía (que podería distribuír o terminal no Reino Unido) xa que afirma que «ó final son moi poucos os móbiles que se liberan, así que seguimos a pensar que o iPhone é unha grande oportunidade de negocio».
Liberando o iPhone
No tocante á comentada liberación, podemos comentar que o sistema que comezou a venderse esta semana para desligar o iPhone da operadora norteamericana AT&T sufriu o seu crackeo en poucas horas, de xeito que xa non é preciso pagar 50 dólares para liberar un terminal, xa que hai un par de solucións na Rede para facer tal operación de balde, entre as que destacariamos o iUnlock, que aínda non é moi doado de utilizar, pero que se agarda que nos vindeiros días se simplifique mediante aplicacións para Windows e Mac OS X.

Aplicacións nativas para o iPhone feitas por terceiros
Así, Apple prefire permanecer neutral ó desenvolvemento de aplicación para o iPhone por parte de terceiros, aínda que tampouco axudará á súa creación. Deste xeito, poden agardar sen preocupación que as aplicacións que xa circulan actualmente pola Rede, e que permite mellorar as prestacións do móbil, poidan seguir funcionando no futuro.
Xa hai ducias de programas non oficiais para o iPhone, que permiten acceder a servizos web coma eBay, Twitter ou Pownce, xogar, ler fluxos RSS, chatear ou mesmo explorar as redes Wi-Fi próximas.

