Para demostrar o seu compromiso polas novas tecnoloxías o Partido Popular participou no evento Diálogo Popular Digital, onde o propio candidato á presidencia do Goberno, Mariano Rajoy, ratificou a súa intención de eliminar o canon dixital pois «o desenvolvemento da tecnoloxía ofrecerá novos xeitos de compensar e protexer os dereitos de autor». Ademais, tamén se comprometeu a elaborar un «Plan Tecnolóxico para relanzar a competitividade do país», políticas de fomento da banda larga, promover o Wi-Fi aberto «en escolas, centros da Administración, aeroportos e áreas públicas en municipios de máis de 20.000 habitantes».
A xestión dos dereitos de autor é un dos puntos que máis rebumbio está a provocar na Rede, e dende o PP propoñen que se compense polo «uso efectivo da obra, non nos soportes», o que contrasta coa postura de Pedro Farré, director de goberno corporativo da SGAE, que nunha das mesas de debate dentro do mesmo encontro defendeu a necesidade de leis máis claras que declaren inequivocamente o P2P coma unha actividade ilícita.
Fóra da participación presencial, o foro quedou aberto á presentación de achegas a través da web.
Rajoy insiste na eliminación do canon dixital mentres a SGAE pide a ilegalización do P2P
Compartir Este Artigo

