Apple anunciou finalmente o paquete de creación de aplicacións para o iPhone (e iPod Touch), de xeito que os programadores de todo o mundo poderán comezar a tirar un maior proveito do móbil de Apple. O SDK inclúe unha interface grafica de desenvolvemento Xcode, un simulador do iPhone (para poder probar no ordenador as distintas aplicacións), ferramentas de análise e outras prestacións que xa se pode descargar de balde.
Aínda así, os programadores que queiran achegar as súas aplicacións a todo o mundo deberán contratar un programa por 99 dólares (de querer desenvolver aplicacións de balde ou de pago) ou por 299 dólares (para programar aplicacións propietarias con orientación corporativa).

Nun principio estas novidades estarán restrinxidas ós desenvolvedores, abríndose ó resto de usuarios no mes de xuño, cando Apple presentará a versión 2.0 do firmware do iPhone (actualmente na versión 1.1.4) que será de balde para os propietarios actuais do móbil da compañía de Cupertino (os usuarios do iPod Touch poderían ter que pagar pola actualización), aínda que algunhas empresas poderán beneficiarse xa da actualización a través do iPhone Enterprise Beta Program. Tal renovación do iPhone está moi orientada ó uso corporativo, incluíndo o soporte de Microsoft Exchange Active Sync e Cisco IPsec VPN.

Para fomentar a creación de aplicacións para o iPhone tamén se creou iFund, que achegará 100 millóns de dólares a pequenos desenvolvedores.
Apple presenta o SDK para o iPhone
Compartir Este Artigo

