Finalmente fíxose entrega dos premios Príncipe Felipe á Excelencia Empresarial no Palacio Municipal de Congresos de Madrid e, como era de agardar, houbo entre os recoñecidos presenza abonda de compañías con base tecnolóxica e directamente vinculadas á Sociedade da Información. De feito, os galardóns (entregados polos propios príncipes de Asturias) están especialmente dirixidos a salientar o valor da cultura do risco, entendéndose como tal a apertura de novos camiños no mercado tradicional e, sobre todo, no mercado aínda por facer da era dixital.
Desta maneira, o que se tivo en conta especialmente á hora de entregar os premios foron os seguintes parámetros (que coinciden, por certo, coas modalidades establecidas para os galardóns): Calidade Industrial, Deseño, Innovación Tecnolóxica, Enerxías Renovables e Eficacia Enerxética, Internacionalización, Excelencia Turística, Sociedade da Información e TICS e Xestión da Marca Renomeada.
· Calidade Industrial. Foi dar unha empresa andaluza que, como o seu propio nome ben indica, está directamente ligada ás novas tecnoloxías: Novasoft Corporación Empresarial.
· Deseño. Recaeu en mans da firma valenciana Viccarbe Habitat.
· Innovación Tecnolóxica. Nesta categoría salientouse o labor de Suinsa Medical Systems na submodalidade de pemes e o de Sener Ingenierias y Sistemas (especializada na enxeñería multidisciplinar: sectores aeroespacial, naval, arquitectura, etc.) na de grandes empresas.
· Enerxías Renovables e Eficacia Enerxética. Foi dar a Grupo Leche Pascual polo emprego racional dos seus recursos.
· Internacionalización. Recaeu en mans dos responsables da aseguradora Mapfre, sobre todo polo seu labor de espallamento en América.
· Excelencia Turística. Recibiu este galardón a firma Hoteles Turísticos Unidos (Hotusa).
· Sociedade da Información. Foi dar á compañía Telvent Git, pola súa forte presenza en proxectos de gran impacto social e por ter contribuído á normalización das novas tecnoloxías do coñecemento.
· Marca Renomeada. Nesta categoría, o xurado decidiu entregarlle o premio ó Banco Bilbao Vizcaya Argentaria. A razón: terse convertido nun dos grandes bancos europeos e cunha ampla traxectoria internacional.
· Competitividade Empresarial. Entre as máis de trinta compañías nomeadas, finalmente foron as firmas Valeo Iluminación (Jaén) e Ega Master (Áraba) as que se fixeron con este galardón.
Os premios Príncipe Felipe á Excelencia Empresarial salientaron a busca de novos mercados (reais e virtuais)
Compartir Este Artigo

