No marco da loita global contra os accidentes de tráfico e os atascos que está a levar a cabo a Unión Europea, a Comisión deste organismo vén de anunciar que reservará no continente parte do espectro radioeléctrico aos sistemas intelixentes de comunicacións para os vehículos (os denominados sistemas cooperativos), os cales están baseados na tecnoloxía das comunicacións sen fíos e permiten que os automóbiles “falen” uns cos outros así como cos provedores de infraestrutura viaria
A decisión, segundo vén de informar a Comisión Europea, “establece unha sola banda de frecuencias a escala comunitaria que se pode empregar para a comunicación inmediata e fiable entre os vehículos e entre estes e a infraestrutura das estradas”.
Nos vindeiros meses, as autoridades nacionais de toda Europa asignarán 30 MHz do espectro na banda de 5,9 xigaherzios (XHz) a aplicacións de seguridade viaria así como a outros servizos xa existentes como por exemplo os concedidos a radioafeccionados.
Estes sistemas intelixentes de comunicación para os vehículos poden facer máis segura a condución polas nosas estradas, unha materia pendente en case tódolos países da UE xa que, por exemplo, no pasado 2006, morreron máis de 42.000 persoas en accidentes de tráfico en Europa.
O exemplo de utilidade para este dispositivo, que apunta a web euroalert.net, é o típico caso dun vehículo que detecte un tramo escorregadizo dunha calzada: se este está equipado cun dispositivo de comunicación cooperativo entre vehículo, pode facilitar esta información a tódolos vehículos próximos grazas á banda de 5,9 XHz.
A UE destina unha radiofrecuencia única á seguridade viaria
Compartir Este Artigo

