Máis contidos, nova distribución dos mesmos acorde nos novos tempos e meirande accesibilidade. Estes son basicamente os tres piares sobre os que se apoia a nova feitura da páxina web do Xacobeo, un dos espazos en liña da Rede galega máis seguidos dende o exterior (sobre todo por colectivos de internautas á procura de datos sobre o Camiño e sobre o vindeiro ano santo, o ano 2010). A remodelada web, que fai máis fincapé na actualización constante de contidos relixioso-culturais e turísticos (actividades, publicacións, exposicións, congresos), vai encamiñada a afianzarse como unha das grandes canles de información sobre o Camiño a nivel europeo e mundial, actividade que –a fin de contas- é a súa principal razón de ser.
Máis polo miúdo, entre as novidades que inclúe atopamos un cambio de rumbo cara ao visual: a páxina está ilustrada con máis de 1.700 fotografías do itinerario, incluíndose planos, perfiles e vídeos de cada unha das súas etapas.
Entre as incorporacións tamén cómpre salientar a posta en marcha de dúas seccións para publicacións (editadas pola Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo) e para bibliografía (as lanzadas ata a data sobre o Camiño de Santiago e a súa repercusión no mundo).
Nova páxina do Xacobeo, máis accesible e visual
Compartir Este Artigo

