IBM vén de afondar na súa alianza con tres dos máis importantes selos de programas abertos ligados a Linux da actualidade: Novell, Canonical e Red Hat. O piar sobre o que se apoia este pacto a catro bandas non é precisamente a elaboración de plans e proxectos máis ou menos por concretar. Non, o achegamento entre as ditas partes ten un obxectivo ben claro ao que non lle falta ambición: poñer no mercado un computador persoal que lle faga a competencia a Microsoft e ao seu sistema operativo Windows, precisamente, non contando co devandito sistema. Máis polo miúdo, o ordenador achegaría (preinstalado) Linux, OCCS (Open Collaboration Client Solution) de IBM, Lotus Notes, Symphony e Sametime.
A idea de IBM é aproveitar certos ocos de mercado deixados polo sistema Vista de Microsoft, que non obtivo as cifras de afianzamento nas empresas que se agardaban. A maiores, tirarase partido do interese cada vez maior de moitas compañías por un tipo de software, o libre, que non implique o pago tradicional por licenzas. Para Scott Crenshaw de Red Hat, este é o intre que a comunidade deseñadora de programas abertos estaba a agardar: “Os clientes están a pedir PCs ceibes de Windows e nós estamos en condicións de responder cunha solución fiable e segura”.
Alianza de catro grandes para crear unha firme alternativa ao PC con Windows
Compartir Este Artigo

