Semella que vivimos no medio dunha carreira por ver quen fai o computador máis barato e accesible. O proceso, que non ten por qué ser malo (máis ben o contrario: semella o reverso positivo e ideal dun argumento apocalíptico de ciencia ficción), parece que ten vieiros de chegar a un certo punto morto, sobre todo debido á iniciativa duns estudantes dos laboratorios do MIT (o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) que están a bater recórds moi difíciles de superar no eido dos computadores de sobremesa e, ata o de agora, ben complicados de imaxinar.
Segundo informan o Boston Herald e máis El Mundo, a idea deste grupo de investigadores é centrarse en achegar o equipo persoal máis barato do mundo. E semella que van por bo camiño: o seu deseño, baseado no antigo Apple II, non valería máis de 12 dólares, ou, o que é o mesmo: uns 7,70 euros a día de hoxe.
Sobra dicir que o equipo, a nivel estrutural, non sería para botar bombas, pero, malia a súa feitura un tanto pouco acabada, serviría para acceder á Internet mediante un teléfono móbil, para escribir e mesmo para programar a un nivel máis ou menos básicos. Segundo apunta o equipo responsable, a idea é tirar abaixo todos os atrancos posibles que poidan levar a Sociedade da Información aos países pobres. Ao seu xuízo, nun país en vías de desenvolvemento, saber empregar un computador pode constituír a diferenza entre ter un salario de 1 dólar por día ou ter un de 1 dólar por hora.
Investigadores deseñan un computador de sobremesa de 7,70 euros
Compartir Este Artigo

