O investigador británico Stephen Hawking xa está en Compostela co fin de participar nas moitas actividades informativas e de lecer (incluído un treito do Camiño) que acompañarán á entrega dun recoñecemento ben concreto: o do premio Fonseca de divulgación científica que lle vai ser achegado o día 27 de mans da Universidade de Santiago e o Consorcio. Hawking, que arribou onte mesmo ao hotel Porta do Camiño de Compostela logo de desencadear un rebumbio mediático á súa chegada a Galiza no aeroporto coruñés de Alvedro, veu acompañado –entre outras persoas- da súa filla, Lucy Hawking, da que falamos a semana pasada nesta mesma páxina web con motivo de reseñar a novela xuvenil que coescribiu coa axuda do seu pai e máis polo miúdo dos seus amplos coñecementos sobre física e astronomía.
O científico galardoado, recoñecido en todo o mundo polo seu labor a prol de facilitar a todos os niveis o acceso da sociedade en xeral á ciencia e aos seus logros e segredos, fará estes días acto de presenza en diversos encontros coa comunidade investigadora galega, entre os que se inclúe (no eido do lecer) o percorrido dun pequeno treito do Camiño á entrada mesma de Compostela. No transcurso desta e doutras actividades programadas, Hawking contará coa axuda (á hora de facer que a súa estancia sexa o máis accesible e cómoda posible) dos organizadores do Programa ConCiencia, entre os que se conta Jorge Mira, profesor de Física da USC e director da dita iniciativa galega a prol do afianzamento da investigación.
O autor de libros tan populares (malia tratar temas en teoría afastados do coñecemento popular) como Historia do Tempo ou O Universo nunha casca de noz, ten tras de si un traballo de décadas a prol de tender pontes entre a información máis especializada e a sociedade allea a esa información. De feito, non é casualidade que fose elixido pola USC e o Consorcio para recibir o devandito premio Fonseca. Do que se trata, sinalaron os membros do xurado o día mesmo no que se deu a coñecer o nome do galardoado, é de que Stephen Hawking os recorde a importancia dos datos de verdadeiro valor, tan accesibles como calquera outro e coa vantaxe de seren especialmente significativos. En definitiva, do que se trata é de poñer á ciencia máis preto de todos e todas.
Sobre Stephen Hawking
Nado en 1942 en Oxford, ocupa dende os seus 37 anos a famosa cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge. Esta cátedra, fundada en 1663, foi ocupada, entre outros, por Isaac Newton e o premio Nobel de Física Paul Dirac.
Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Esta enfermidade dexeneroulle de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se pode comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que responde aos movementos dunha das súas pálpebras.
Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas céntranse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.
Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos. Precisamente este labor de divulgación así como a súa “importantísima imaxe pública” foron as claves que determinaron que o xurado lle concedese este galardón na súa primeira edición.
Hawking chega a Compostela para relembrarnos que a ciencia tamén pode ser doada e accesible
Compartir Este Artigo

