O vindeiro martes 25 abre as súas portas en Madrid a mostra FICOD 2008 concretamente no Palacio Municipal de Congresos Juan Carlos I de Madrid. O salón, que vai encamiñado a tomarlle o pulso ao máis innovador do eido audiovisual e os contidos dixitais (cinema, música, vídeo, videoxogos, animación, radio, xornalismo dixital, formación en liña, publicidade, etc), contará na inauguración oficial coa presenza dos príncipes de Asturias e de máis de 4.000 congresistas procedentes de todo o mundo. A nova edición da feira, aberta ata o vindeiro 27 de novembro, desenvolverase en boa medida arredor das ligazóns que unen a España e Colombia, país convidado nesta convocatoria. Asemade, xorde coa arela de fortalecer o sector creando pontes e abrindo portas entre os axentes que xogan ou xogarán no eido do mercado hispanoamericano.
Para ir abrindo boca, os organizadores teñen prevista unha serie de actividades-reclamo ao longo do acto de inauguración: unha proxección dun sketch realizado en exclusiva para FICOD polo equipo de Muchachada Nui e no que Joaquín Reyes e os seus colaboradores (responsables de Enjuto Mojamuto) achegarán o seu punto de vista sobre a innovación presente e futura dos contidos dixitais.
Tralo acto de apertura, está previsto o comezo das actividades-miolo do programa, entre as que se conta un relatorio a cargo de Chris Anderson (editor da revista Wired e presente en FICOD para expoñer a súa teoría sobre o futuro da Rede: unha Internet de balde en todos os seus niveis, pero produtiva e rendible). Asemade, e de xeito paralelo, levarase a cabo os días 25 e 26 a segunda edición da Conferencia Internacional sobre a Propiedade Intelectual no Contorno Dixital, que xorde como punto de encontro dos principais especialistas do mundo na devandita materia.
Até 4.000 congresistas participarán no salón madrileño dos contidos dixitais, FICOD
Compartir Este Artigo

