O Centro de Supercomputación de Galicia e a Dirección Xeral de Tráfico veñen de levar a cabo un movemento 2.0 a prol da participación conxunta de departamentos e a non duplicación de infraestruturas. A idea, máis polo miúdo, é desenvolver un marco de traballo colaborativo que incremente as súas mutuas potencialidades: na forma e no contido. O acordo, que foi dado a coñecer hoxe mesmo na sede do CESGA en Santiago, ten nun principio unha validez para dez anos. Ao longo deste tempo está programada xa a posta en común de recursos de interese para as dúas partes: o CESGA concorrerá en boa medida con equipos de supercomputación e almacenamento de importancia crucial para a mellora na xestión e tratamento de datos da DXT, e a Dirección Xeral achegará unha parte fundamental da infraestrutura precisa (xa existente) para incrementar a rede de comunicacións que o centro galego xestiona.
Durante o acto de presentación deste acordo, que contou coa participación de Salustiano Mato (presidente do CESGA e director xeral de I+D) e Pedro J. Pastor (xefe provincial de Tráfico na Coruña), déronse a coñecer exemplos prácticos sobre as consecuencias a medio prazo deste convenio. No caso da DXT, sinalou Pedro J. Pastor, coa axuda dos equipos e do persoal do CESGA poderanse mellorar as informacións sobre os fluxos de saída de tráfico en tempo moito máis reducido (minuto a minuto) que ata o de agora, e, ademais, será posible manexar de xeito máis doado a gran cantidade de datos que se poden extraer dun accidente.
Desta maneira, as infraestruturas galegas en materia de supercomputación contribuirán a poñer en relación os datos tirados dun elevado número de sinistros, axudando en último paso a reducilos e mesmo, a longo prazo, a eliminalos. Neste senso, dixo Pastor, a axuda do CESGA é precisamente máis necesaria ca nunca, tendo en conta o tamaño das bases de datos da DXT e os recursos de cálculo que en consonancia se precisan.
Polo que respecta ao CESGA, cómpre sinalar que a contribución da DXT no medre das súas capacidades reside primeiramente nunha cuestión de forma (de infraestrutura) pero tamén de contidos. Máis polo miúdo, a achega da Dirección Xeral consistirá en poñer ao alcance da man do CESGA as súas canalizacións e galerías de servizo ao longo da rede de equipamentos de estradas de Galiza, obras que son de primordial interese para a rede de comunicacións que o centro galego xestiona e da que se benefician de xeito directo as comunidades académico-científicas do país e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Máis en concreto e como primeiro paso a seguir no dito convenio de colaboración, o CESGA empregará as redes da DXT para facilitar a evolución de xeito eficaz (no tocante a aspectos técnicos e económicos) da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia cara a unha rede de fibra escura. Concretamente, o centro galego ten previsto tirar partido das infraestruturas da DXT para erguer a ponte dixital de Galiza e España con Portugal. Asemade, o centro galego busca incidir con este acordo no carácter máis práctico do cálculo computacional, favorecendo un clima de subministro constante de retos que sirvan para deseñar novos algoritmos matemáticos ao servizo da sociedade.
A DXT mellorará o seu labor de predición e estudo do tráfico grazas ao CESGA
Compartir Este Artigo

