A Audiencia Provincial de Lugo confirmou a sentenza en primeira instancia que absolveu aos administradores da web mindoniense.com despois de que un ex alcalde de Mondoñedo (con iniciais L.R.V.) os quixese responsabilizar de opinións críticas contra a súa persoa vertidas nos foros da mencionada web en febreiro de 2007 (nas que se acusaba ao edil de facerse cunha casa a cambio de favores políticos, o que demostrouse non ser certo presentando as correspondentes facturas). A demanda foi desestimada a finais do ano pasado, decisión recorrida polo demandante, o que non cambiou a resolución.
A sentenza recoñece aos acusados coma prestadores de servizo, polo que non os responsabiliza dos comentarios dos seus usuarios, o que resulta un tanto rechamante por existir sentenzas xudiciais xusto no sentido contrario, aínda que cómpre destacar que aínda non existe xurisprudencia sobre este tema, por non terse manifestado o Tribunal Supremo sobre esta posible interpretación da LSSI-CE (que libraría aos administradores de foros, blogs, wikis e outras plataformas de publicación da responsabilidade dos contidos publicados por terceiros).
Tamén resulta curioso que a Audiencia considere que non é posible facer unha analoxía entre a responsabilidade dun editor de prensa e o editor dun foro, aínda que casos coma o de Alasbarricadas.org fosen nesa dirección, por considerarse que moderar un foro efectivamente precisaría de persoal controlando as 24 horas o que se publica no mesmo (o que non parece razoable).
Ante as dúbidas sobre o fondo do recurso de apelación, a Sala estimou que non se fará unha imposición de costas a ningunha de ambas instancias, polo que entendemos que hai que tomar esta decisión xudicial coa debida prudencia.
Confirman que os responsables de Mindoniense.com non son responsables dos comentarios no seu foro
Compartir Este Artigo
