O 25 de xullo de 2001 nacía un espazo virtual chamado Código Cero coa intención de achegar información tecnolóxica galega e en galego, ocupando así un baleiro que había na web. O proxecto partiu coma unha iniciativa persoal altruísta, pero segundo foi acadando recoñecemento (especialmente co Galardón á Innovación Empresarial na categoría de Comunicación entregado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia) decidiuse a súa profesionalización, evolucionando nunha publicación impresa de periodicidade mensual á que a edición en liña servía coma complemento e canle de comunicación máis actualizada e directa.
Oito anos despois continuamos nesta andaina, e tras contar con 3 diferentes deseños, este sitio na Rede está a buscar a súa renovación, de xeito que nas vindeiras semanas procuraremos adaptar a nosa publicación ás novas tendencias, buscando unha maior participación dos nosos lectores, aos que queremos agradecer a súa fidelidade durante todo este tempo.
Agardamos continuar a dar boa conta do que acontece no sector das TIC tanto en Galicia coma no resto do mundo durante moito tempo, para que a demanda de información tecnolóxica elaborada dende a nosa terra sexa atendida como merece.
Código Cero celebra o seu 8º aniversario
Compartir Este Artigo
