O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, a subdirectora xeral para a Sociedade Dixital do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Mª Ángeles Barragán e a concelleira responsable da área de Urbanismo e Infraestruturas da Coruña, Obdulia Taboadela, inauguraron esta mércores na Coruña as Xornadas de Servizos Públicos Dixitais, coas que o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio colabora coas entidades locais na súa adaptación á Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.
As xornadas, que durante este ano se celebrarán nun total de 20 cidades españolas, pretenden dar a coñecer á cidadanía, empresas e administracións locais o uso e as vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas xestións coa Administración.
Na súa intervención, Fernández Moreda apostou pola implantación das novas tecnoloxías na administración pública, «que permitan construír procedementos e servizos dixitais de acceso libre e sinxelo para os cidadáns» e advertiu que a xeneralización destes servizos públicos dixitais «depende do impulso que reciba desde a Administración e, en boa medida, da confianza e seguridade que xere nos cidadáns e nas empresas o acceso electrónico aos devanditos servizos».
«Facer realidade a Sociedade da Información debe ser froito dun traballo conxunto dirixido a fomentar o establecemento de relacións electrónicas entre as Institucións, os cidadáns e as empresas, compartir as experiencias dixitais dos distintos axentes e adaptar as formas de actuación á realidade que impón as novas tecnoloxías», afirmou Fernández Moreda, que subliñou que desde a Deputación da Coruña estase «traballando con intensidade para afrontar este reto».
Neste sentido, Fernández Moreda recordou que a Deputación da Coruña está desenvolvendo un ambicioso plan pata facer posible a administración electrónica nos concellos da provincia, cunha dotación económica de 1.200.000 euros, financiados a partes iguais pola administración central e a provincial, que permitiu a subministración de equipamento informático, a instalación de novas aplicacións, e a migración de datos para a prestación de servizos de tramitación electrónica aos cidadáns en 86 dos 94 concellos da provincia e no Consorcio das Mariñas.
Pola súa banda, a subdirectora xeral para a Sociedade Dixital do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Mª Ángeles Barragán anunciou que «desde o ministerio se traballou no desenvolvemento de varias solucións e ferramentas informáticas que permitirán á cidadanía e ás empresas realizar xestións telemáticas co seu concello, aforrándolles tempo e diñeiro». Así mesmo, afirmou que «na relación co seu concello, as persoas poderán identificarse utilizando unha sinatura electrónica, claves concertadas, e ata o DNI electrónico, garantíndose en todos os casos a confidencialidade e privacidade dos seus datos».
As principais aplicacións do programa Avanza Local son LocalWeb, LocalGis, e SIGEM, así como un módulo para a rendición telemática de contas desde os concellos ao Tribunal de Contas. Estas ferramentas conforman unha plataforma orientada á modernización e actualización das administracións locais. A través destas solucións, os concellos poderán crear as súas propias páxinas web, que servirán á cidadanía de porta de entrada aos Servizos Públicos Dixitais. Entre outros datos, ofrécese información detallada referente ao municipio, como padrón, catastro, licenzas de obras, rueiros, etc. Ademais, axudará a modernizar e dixitalizar os tradicionais subsistemas de rexistro, expedientes e arquivos. Desde a súa posta en marcha en xaneiro, 2.037 entidades locais de toda España descargaron as aplicacións de Avanza Local.
As entidades locais teñen a obrigación de render contas ao Tribunal de Contas e no caso de que a entidade estea situada no ámbito territorial dunha comunidade autónoma, tamén a un Órgano de Control Externo (OCEx). Neste sentido, Avanza Local incorpora unha Plataforma de Rendición de Contas, a través da cal as entidades locais realizarán o trámite exclusivamente mediante soporte informático. A conta é asinada dixitalmente polo presidente da entidade e envíase telematicamente.
A Deputación da Coruña impulsa a implantación da administración electrónica en 86 concellos da provincia e no Consorcio das Mariñas
Compartir Este Artigo
