O selo discográfico PAI Música, na súa teima por promocionar para todo o mundo o mellor da música feita en Galicia, convértese na primeira discográfica de España en lanzar todo o seu catálogo musical nunha aplicación para iPhone e iPod Touch.
iPAI é o nome da aplicación de balde que abre o catálogo de PAI Música ao mundo, desenvolvida moi na liña da versión móbil de iTunes mediante a personalización de Mobile Roadie 2.0 (conservando a súa interface de uso en inglés), de xeito que non só temos unha listaxe dos temas dispoñibles, senón que tamén podemos escoitalos mentres consultamos novas ou exploramos a aplicación (na que hai vídeos, fotografías, axenda, muro, boletíns e ligazóns), no que poderiamos considerar unha radio en liña con temas coma O Pirimpimpín de Malvela (sintonía da serie de televisión Padre Casares), Severino de Lamatumbá ou Canto de serea de Magín Blanco e Burgas Beat.
Esta aplicación dispoñible dende a App Store de Apple tamén está aberta ás redes sociais, de xeito que os contidos que vemos na mesma poderán recomendarse a través de correo electrónico, Twitter ou Facebook.
PAI Música estrea aplicación para o iPhone
Compartir Este Artigo
