Se a innovación dixital vale para manternos máis e mellor comunicados, era de agardar que máis tarde ou máis cedo esa mesma tecnoloxía se puxera ao servizo dun dos sectores profesionais que precisamente máis require da posta en xogo de sistemas de comunicación completos e fiables: os corpos policiais. Con todo, o realmente salientable desta aplicación en concreto das novas ferramentas é que a nosa industria tamén participa, e arreo, no proceso. Un exemplo disto constitúeo a tecnoloxía que vén da man da firma compostelá eLaboro, que logo de adaptar os seus servizos aos departamentos policiais de cidades como Cádiz ou Xixón, vén de afondar neste espallamento coa incorporación de Pontevedra.
Máis polo miúdo, do que se trata é de dotar á Policía Local da cidade do Lérez co dispositivo ePatrol deseñado pola firma eLaboro co obxectivo de xestionar tódolos seus procesos administrativos, ata o control sobre os casos de violencia de xénero.
A plataforma ePatrol, baseada en software libre, achega importantes posibilidades á hora de facilitar e axilizar as xestións cotiás dun corpo policial, como por exemplo denuncias de tráfico, procura e localización de vehículos abandonados, atestados, obxectos perdidos ou xestión documental propia.
Asemade, tal e como dixemos, á longa listaxe de aplicacións cómpre engadir agora o traballo tecnolóxico no eido do seguimento dos casos de violencia de xénero. Como apoio de equipamento, o servizo apóiase no emprego “extensivo” de PDAs que incorporan tódolos expedientes afectados, así como o historial que se vaia xerando. Segundo explican os responsables do desenvolvemento desta plataforma, esta vai dirixida a coordinar o seguimento no tempo das persoas implicadas e coordina axentes perante a necesidade dunha actuación rápida. Achega asemade a opción de facer consultas básicas como o censo de habitantes ou localización de axentes e vehículos, e pode empregarse como xestor documental, levando a cabo tarefas de axenda e achegando datos estatísticos en tempo real.
eLaboro achégalle a súa plataforma de xestión á policía de Pontevedra
Compartir Este Artigo

