A Sociedade da Información, de non corrixilo, será nun futuro moi próximo privilexio de quen vive ao seu alcance. Ou sexa, de quen xa está nela con toda probabilidade. O resto dos sectores téñeno dobremente complicado: nin están nela, nin a teñen tan preto nin, de habela, é de tanta calidade. A maiores e para enlear un pouco máis as cousas, os datos cos que contan das vantaxes e ferramentas das novas canles da comunicación son moitas veces menores cós dos sectores máis dixitalizados. Traballar para corrixir este punto é un do obxectivos da sétima e última xornada do Proxecto EmprendeTIC 2009: A implantación das TIC no medio rural. Todo o que preciso coñecer para mellorar a produción das explotacións mediante as novas tecnoloxías.
O evento, organizado pola Fundación CEL e AFRICOR Lugo na Sala de Innovación Tecnolóxica da primeira entidade, vai dirixido a informar polo miúdo das aplicacións informáticas e plataformas web máis útiles para mellorar a rendibilidade do subsector gandeiro.
A xornada, que terá o apoio da Obra Social de Caixa Galicia e da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, contará coa presenza de profesores do Instituto de Secundaria As Mercedes, responsables xuntos cos seus alumnos do desenvolvemento dun sistema para a produción de auga quente sanitaria e calefacción a través da recuperación da calor nun tanque de leite.
Asemade, participarán na sesión divulgativa os responsables da firma lucense XAN (deseñadora dun prégama informático para a xestión integral das explotacións de gando), de AFRICOR Lugo (que conta cunha plataforma de balde para o control leiteiro), da empresa Moroán (que centra o seu traballo na aplicación da tecnoloxía analítica NIR nas explotacións gandeiras) e a firma Lugo IGN, especializada na achega de servizos para a xestión innovadora e de empresas e institucións.
A previsión dos organizadores é reunir a preto de 200 persoas de toda a provincia. A xornada comeza este xoves 19 ás 9.30 horas, e os relatorios iranse desenvolvendo o salón central do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, sendo o devandito SITE o emprazamento para as demostracións de software.
Ás 13.30 horas está previsto un acto de clausura institucional.
Lugo acolle este xoves unha xornada sobre TICs ao servizo do noso agro
Compartir Este Artigo

