O Telecentro de Comunicación do concello de Vigo conectarase mañá a través de videoconferencia co Telecentro de Ribera de Arriba en Asturias nun acto organizado polo Centro de Formación e Recursos de Vigo, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co que se pretende darlles a coñecer a mestres de primaria e secundaria da comarca de Vigo as estratexias a seguir á hora de dinamizar as bibliotecas escolares.
Durante dous días, mañá, mércores e pasado, xoves, de 18:00 a 21:00 horas, 20 profesores da comarca de Vigo inscritos nun curso sobre Investigación documental na biblioteca escolar a través das TIC intercambiarán experiencias a través de videconferencia con Rosa Piquín, profesora responsable da Biblioteca Escolar do CP Pablo Iglesias(Soto de Rivera, Asturias). Rosa Piquín é Premio Nacional de Proxectos de ideas para a mellora e innovación das Bibliotecas Escolares (2005).
A través de iniciativas deste tipo, o Centro de Formación e Recursos de Vigo pretende integrar as tecnoloxías da comunicación e da información nos procesos de ensino e aprendizaxe e na busca documental así como impulsar a innovación metodolóxica nas prácticas educativas facendo da biblioteca escolar un elemento potenciador da participación activa do alumnado.
A Secretaría Xeral de Medios, a través do Centro Multimedia de Galicia, está a traballar en dar a coñecer toda as posibilidades que ofrecen os TC para convertelos en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego. O obxectivo de Comunícate é que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía.
Asturias e Galicia intercambian experiencias de dinamización de bibliotecas escolares por videoconferencia
Compartir Este Artigo

