A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, salientou hoxe no Parlamento que ca factura electrónica, que estará operativa na Xunta de Galicia a partir do vindeiro mes de febreiro, «acadarase un mellor e máis áxil servizo aos cidadáns e a un menor custe, obtendo un aforro económico importante».
Fernández Currás tamén subliñou que o Goberno galego «quere evitar no posible problemas de liquidez ás empresas» e garantir que os pagamentos da Administración autonómica «se realicen no menor tempo posible, a través dunha xestión rápida e eficaz».
A titular de Facenda confirmou na Cámara que a partir de febreiro a Xunta «reducirá a 45 días como máximo, 15 menos que a esixencia legal actual», co que cumprirá unhas das prioridades que se marcou ao inicio desta lexislatura e un compromiso de Goberno do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Marta Fernández Currás resaltou que a situación que atopou é de «certa discrecionalidade», pois depende de cada centro xestor decidir a orde de tramitación das facturas porque non hai nada que o obrigue a seguir unha concreta. Ademais, lembrou que o sistema contable actualmente tampouco inclúe a data de presentación das facturas, senón as de contabilización do gasto e pagamento.
Polo tanto, apuntou que «é practicamente imposible saber o tempo que transcorre desde que se recibe unha factura ata o momento do seu pagamento» e engadiu que o obxectivo da Xunta é moito máis ambicioso que simplemente rexistrar a data de entrada dunha factura na administración. «Este é un paso necesario, pero non suficiente», indicou.
Así, resaltou que crearase un portal electrónico para o rexistro de facturas que «permitirá centralizar e tratar de maneira uniforme» todas as emitidas polos distintos provedores da administración, incorporar as facturas as sistema e consultar o estado de tramitación, formalizarlas tanto de xeito manual como en formato dixital e ter información sobre o importe de facturación pendente de imputar ao orzamento.
A factura electrónica axilizará os pagamentos da Administración
Compartir Este Artigo

