Por se hai algunha dúbida, hai máis despregues de Televisión Dixital Terrestre (TDT) có galego e máis apagamentos analóxicos có noso. O resto dos países tamén teñen o seu, e mesmo hai quen podería botar man da nosa experiencia neste eido e no proceso de buscar solucións e tecnoloxías que tiren partido do novo contorno televisivo. Un destes países é Romanía, arestora mergullada na preparación da chegada da TDT e, polo tanto, un gran mercado a ter en conta para a colaboración tecnolóxica. Así o ve a firma galega Televés, xa presente no devandito país dende hai tempo (centrándose sobre todo na venda de equipos para a captación e distribución do sinal de televisión por satélite e cable) e agora collendo máis folgos para afianzar a súa presenza.
A xuízo do director comercial de Televés, Ramón Bermúdez de Castro (presente hoxe nunha xornada sobre a presenza das empresas galegas en Romanía celebrada en Compostela), o país ofrece grandes oportunidades de negocio “que Televés está disposta a aproveitar”.
A firma galega, que tomou nota do medre importante que tivo en Romanía a televisión por cable ao longo destes anos, sitúa ao mercado do devandito país como o segundo da Europa do Leste en termos de volume. Ao espallamento do cable, engade, cómpre que engadamos agora o vindeiro despregue da TDT, que ofrecerá importantes posibilidades de mercado para o noso sector audiovisual. Estas opcións, engadiu Bermúdez de Castro, seguirán a ser potencialmente boas malia os atrancos que de xeito inevitable atoparán as firmas galegas no camiño, sobre todo no que atinxe ás comunicacións, a distribución comercial e o bo funcionamento das administracións. Porén, sostivo, as condicións para o investimento teñen mellorado sensiblemente dende os anos 90.
Televés prevé afianzar a súa presenza en Romanía
Compartir Este Artigo
