Segundo vén de anunciar o portavoz da Oficina Nacional de Transición á Televisión Dixital Terrestre (TDT) do Ministerio de Industria, Ignacio León, “a normativa permite que o sinal da TVG chegue ao territorio limítrofe da comarca leonesa do Bierzo”, polo que esta canle poderá transmitir os seus contidos aos nosos veciños casteláns que máis se identifican coa nosa cultura sen infrinxir a lei.
Ignacio León manifestou que tivera a consulta oficial por parte da Xunta de Galicia sobre esta cuestión hai poucos días e que a resposta fora que “o Ministerio permite este tipo de solucións, e que xa se están a dar noutras comunidades autónomas”, o que significa que non hai problema algún para que os veciños do Bierzo poidan ver Luar os venres á noite se o desexan.
Nembargantes, León precisou que a única condición que pon o Ministerio para emitir fóra dos nosos lindes é que haxa un convenio entre as dúas administracións autonómicas vinculadas e que sexa un convenio que se traduza nun intercambio, é dicir, que as dúas Comunidades implicadas no acordo poidan ver os sinais das súas respectivas televisións autonómicas, o cal non é un atranco para o goberno castelán e, por suposto, tampouco para o galego.
Ata o de agora, os cidadáns do Bierzo e de outros territorios limítrofes de Castela e León, como Sanabria en Zamora, recibían o sinal analóxico da TVG, porén, co apagón definitivo poderían quedar sen a posibilidade de seguir esta canle, algo que xa queda descartado grazas á lei que regula as emisións anunciada polo Ministerio.
De levarse a cabo o convenio requerido, os galegos tamén sairemos gañando xa que a televisión de Castela e León conta na actualidade con dúas canles, que emitirán para toda Galicia en dixital.
O sinal da TVG podería chegar ao Bierzo, e viceversa
Compartir Este Artigo

