A Xunta de Galicia sufriu durante a xornada de hoxe un corte de servizo na súa Rede Corporativa que deixou sen funcionamento a meirande parte dos departamentos da administración autonómica durante un tempo de seis horas. Dito corte afectou ás comunicacións de datos entre os propios departamentos así como aos servizos ofertados de cara a Internet.
A avaría, que tivo lugar as 10.05 horas, veu orixinada por unha xeración incontrolado de tráfico na rede que afectou aos seus elementos centrais de interconexión. Unha vez identificada a fonte orixinaria dese tráfico, procedeuse ao seu illamento, comezándose despois a recuperación tanto da propia rede como dos servizos afectados, quedando todo restablecido ás 16.30 horas.
A incidencia non afectou nin a Consellería de Sanidade nin ao Servizo Galego de Saúde, dado que contan cunha rede propia que permitiu que o servizo de citas de atención primaria non se vise interrompido. Non obstante, si que estivo interrompido o acceso a Internet dende os centros educativos, e tampouco foron accesibles os servizos corporativos de aplicacións informáticas.
De cara a evitar incidencias como a rexistrada hoxe, a Xunta de Galicia traballa dende o pasado mes de xullo nun Plan de Medidas Urxentes aprobado polo Consello. Dito plan persegue, entre outros obxectivos, a mellora concreta das infraestruturas da rede, e a raíz do mesmo acometéronse xa unha serie de concursos públicos, actualmente en estado de adxudicación provisional, para mellorar a seguridade e a dispoñibilidade dos sistemas co obxectivo final dun correcto funcionamento da administración autonómica.
Unha avaría na rede informática da Xunta deixou sen servizo durante 6 horas a meirande parte dos seus departamentos
Compartir Este Artigo

