A V Conferencia Internacional de Software Libre que se está a celebrar en Cáceres, pechou onte o seu segundo día de sesións coa análise do futuro do software de fontes abertas dende a perspectiva de diferentes experiencias internacionais procedentes de Malasia, Noruega, Estados Unidos e Colombia.
No marco da xornada Diferentes labores do Software Libre, que promove CENATIC, catro expertos procedentes dos devanditos países debateron sobre o uso e implantación do código aberto e, entre outras cuestións, identificaron as barreiras que fan que o uso do software de fontes abertas non estea tan estendido como sería do desexo de case todos, identificando entre as máis importantes “a falta de información e a ausencia de casos de éxito no uso que existen en todo o mundo”.
Dende Malasia, Tan King Ing mostrou as liñas de apoio da entidade que representa para a implementación do software libre nos servizos públicos do seu país. Pola súa parte, Deborah Bryant do Laboratorio de Software Libre da Universidade de Oregón, comentou que “as administracións públicas precisan poder intercambiar información, como xa o fai a policía, os hospitais, e os cárceres en Estados Unidos grazas ao uso de software libre”.
En Noruega, segundo Heidi Arnesen, “a razón para apostar polo software de fontes abertas foi a aposta do Parlamento por unha cultura de reutilización, cun custe baixo e innovación, mediante o uso de software de fontes abertas, tanto no sector público como no privado”. “Nestes momentos en Noruega”, continúa, “o software de fontes abertas é fundamental en toda a industria do país, e non foi a causa do seu baixo custe, senón que foi debido á seguridade, á estabilidade, á calidade e á liberdade de elección tecnolóxica que aporta”. De feito, e citando a Nicolas Negroponte, Arnesen comentou que “o futuro será software libre, non por ser libre senón por ser mellor”.
Finalmente, Ramiro Valencia, procedente de Colombia, apostou pola compatibilidade do uso do software libre e privativo, porque o camiño de ambos modelos “é o de converxencia, e non o de diverxencia”.
Os relatores responderon ás preguntas realizadas polo público asistente e mostraron a súa convicción de que “o software libre é a opción tecnolóxica do futuro, se ben ten que superar aínda algunhas barreiras para que sexa máis coñecido e usado polas administracións públicas en xeral”.
CENATIC aporta catro miradas internacionais sobre o futuro do software libre
Compartir Este Artigo

