La Caixa, o terceiro grupo financieiro español, e HP, a empresa líder mundial en servizos relacionados coas Tecnoloxías da Información (TIC) e de outsourcing de procesos de negocio (BPO) veñen de asinar un acordo marco de colaboración en servizos polo que a entidade financieira investirá un mínimo de 200 millóns de euros en tecnoloxía.
A entidade bancaria renova así a súa relación coa compañía tecnolóxica por catro anos máis, mantendo firme o seu principal obxectivo: “xeral valor aos seus clientes”.
La Caixa decidiu confiar en HP debido, segundo afirman, “á súa demostrada experiencia, aos coñecementos do sector, á calidade dos servizos e aos beneficios tanxibles que aporta ao negocio da entidade”.
Con este acordo, HP comprométese a prover, operar e administrar a infraestrutura tecnolóxica de La Caixa, é dicir, todo o relativo ao hardware da mesma e tamén a proporcionar servizos de continxencia e de seguridade para garantir o correcto funcionamento de todos os procesos.
Asemade, desenvolverá solucións técnicas para o negocio bancario e asegurador, xestionará os procesos de contact center para as oficinas e os clientes, e dará apoio ás oficinas da entidade bancaria a través do centro de back office que ten HP para procesos de negocio financieiro e de tarxetas.
La Caixa acorda con HP investir 200 millóns en tecnoloxía
Compartir Este Artigo

