A pasada ponte da Constitución foi unha boa oportunidade para o lecer da máis variada índole, sobre todo –e dado que as condicións atmosféricas non deron moita tregua- para o vinculado co tecnolóxico e o dixital, que entre outras moitas cousas achega a vantaxe de ofrecer viaxes de todo tipo e coñecer xente das máis variadas procedencias e sen que sexan precisos grandes desprazamentos físicos. Estas foron as características da nova edición da Kutruparty, festa dos internautas da Estrada que este ano tivo a oportunidade de superarse a si mesma en participación e que finalmente acadou estes obxectivos. Así nolo conta a organización, para quen o balance da xuntanza finalizada o pasado día 8 só pode ser cualificado de positivo, e máis se temos en conta que se superou a cifra de 350 participantes, concorrencia que obrigou aos responsables da Kutruparty a pechar as súas inscricións tras o primeiro día de festa informática.
Polo que respecta aos obradoiros que achegou a party, dicir que houbo de todo e que na súa totalidade foron quen de obter un importante seguimento. Cómpre salientar as actividades desenvolvidas polo equipo HackConf (dirixido por Adrián Novegil), entre as que se incluíron relatorios variados de tipo formativo encamiñados aos usuarios máis avanzados.
Este do coñecemento de alto nivel foi o alicerce de practicamente toda a oferta divulgativa da xuntanza, moito máis profesional cás anteriores edicións e máis orientada ca nunca a aplicar no formativo as canles e os contidos propios do software libre. Así o definen os responsables da party: “A nosa idea foi ofrecer un coñecemento moi avanzado e case profesional, de balde e baseado na filosofía do open source, polo que todo o mundo tivo dereito a asistir aos obradoiros e charlas, anotar información, mellorala ou ampliala con datos novos e logo redistribuíla en calquera outro evento”. Esta foi a base das actividades inseridas no HackConf: a de converterse en extrapolables cara a calquera outra xuntanza na que se desexe contar cos seus servizos.
No que atinxe a Gamer, informar que se levaron a cabo todas as competicións previstas (patrocinadas en boa medida polas empresas locais Moviestrada e Ricartel, pola firma catalá HardCore Gamer e pola compañía Steel) e que xuntas conseguiron atraer unha boa cantidade de usuarios procedentes de toda a nosa xeografía, constituíndo os gamers o 40% da cifra final de participantes e incluíndose neste grupo colectivos de xogadores como a Selección Galega de Call of Duty, o clan Dead or Alive, os condutores Wijes, o clan estradense Raxos e os mestres da alfombriña de baile DanceDanceRevolution (da propia localidade da Estrada).
Amais destes colectivos vinculados ao lecer dixital, acudiron á Kutruparty importantes grupos de usuarios avanzados como o DC-Team (agrupación especializada en montar un servizo para compartir arquivos en rede) ou os Arquivos da Meiga (que traballan na subtitulación de produtos audiovisuais en galego, sobre todo filmes Anime). Asemade, contouse coa concorrencia na party de todos os Grupos de Usuarios de Linux de Galicia (GLUGs), que participaron nunha reunión de alcance profesional na que se trataron todo tipo de cuestións vinculadas ao asociacionismo entre colectivos de programación aberta na nosa terra. Tamén acudiron á xuntanza estradense os organizadores da LanParty de Tomiño, a ConectaTParty, que entraron como participantes no evento e que segundo contan os responsables da Kutruparty, conseguiron solucionar “un pequeno problema de rede que traía de cabeza a tódolos presentes”.
A organización da Kutruparty contou en labores de apoio e patrocinio coa Deputación de Pontevedra, da Xunta, de Ricartel, da organización da dita ConectaTParty, da Estrada Dixital, de Moviestrada, Ofitiendas, Hardcore Gamer, Steelseries e Thermaltake, entre outros.
A Kutruparty bate récords e reúne na Estrada a 350 internautas
Compartir Este Artigo
