Telefónica e a Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (FIAPAS) veñen de asinar un acordo de colaboración para fomentar un panorama dixital accesible e máis igualitario (informativa e comunicativamente falando) para os cidadáns con dificultades auditivas e, en xeral, con diversidade funcional de toda índole. O convenio foi subscrito por María Luz Sanz Escudero, presidenta da FIAPAS, e polo secretario xeral técnico da Presidencia de Telefónica, Luis Abril. Durante a sinatura déronse a coñecer detalles do proxecto conxunto, entre os que se contan accións de asesoramento da Confederación para fomentar as ofertas comerciais para persoas xordas que respondan ás necesidades do colectivo e aos seus atrancos de accesibilidade. Asemade, traballarase a prol da súa integración laboral con políticas específicas de recursos humanos.
Nesta liña de desenvolvemento tecnolóxico (na que ámbalas dúas entidades asinantes teñen experiencia, Telefónica nun eido máis privado e FIAPAS apoiando avances que melloren o acceso do colectivo que representa á Sociedade da Información), o acordo servirá para impulsar estudos, códigos técnicos e proxectos pilo que apoien, á súa vez, un deseño e un contorno ao servizo de todas e todos. Na liña de divulgación, FIAPAS e Telefónica traballarán sensibilizando á sociedade por enteiro na importancia de acadar un dereito específico, o do acceso á información, plenamente operativo. Xa nun plano máis concreto, dicir que a Confederación comprometeuse a emprestar o seu apoio á Telefónica no lanzamento dos Premios Telefónica Ability Awards, que se levarán a cabo nas vindeiras datas.
Telefónica e FIAPAS traballarán nunha sociedade dixital accesible para as persoas xordas
Compartir Este Artigo

