O Nadal vénsenos enriba e ás veces do peor xeito posible: contradicindo o seu espírito. Dito doutra maneira, a festividade, xurdida en boa medida para o agasallo e o intercambio de bens (espirituais ou materiais), consolidouse xa como unha época para o consumo sen control, o estrago de recursos e aprovisionamento dos mesmos nunha única dirección: cara a un mesmo. Co obxectivo de fomentar un Nadal que non sexa sinónimo de tala de árbores, de consumismo e de instalacións luminosas pouco acordes cos tempos que corren, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de lanzar na Rede un caderno de recomendacións básicas para o eido dos fogares. O obxectivo da publicación (aquí, en pdf) é achegarlles ás familias unha lectura reflexiva para estas datas, nas que o consumismo semella converterse na motivación principal das celebracións e nas que esquecemos o prezo medio ambiental, económico e social que hai que pagar por mantelas no seu formato actual e imperante.
De feito, no referente ao gasto en recursos, semella que nestas datas, tal e como se están a concibir, non queda ren por dispararse: aumenta o consumo en enerxía, en produción de refugallos e lixo ao mesmo ritmo que sube o nivel de estrés e desacougo. No devandito folleto infórmase de que facer para poñer freo (a un nivel doméstico) ao estrago inconsciente de bens: “O presente caderno recolle algúns aspectos das nosas campañas de concienciación cidadá e actualiza e incorpora novas temáticas e propostas; trátase dun formato semellante ao entregado aos Fogares Verdes no comezo do programa, daquela con información e consellos xerais de auga e enerxía”, informa ADEGA.
ADEGA lanza un caderno en liña para axudarnos a celebrar o Nadal máis verde posible
Compartir Este Artigo

