A Xunta de Galicia demándalle ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que garanta as conexións de banda larga cunha velocidade mínima de 1 megabit dentro do Servizo Universal de Telecomunicacións e que o servizo de telefónico de información estea dispoñible nas linguas cooficiais do Estado, polo tanto, tamén en lingua galega. O Goberno autonómico resposta así á consulta pública feita polo Ministerio sobre o alcance do Servizo Universal de Telecomunicacións na que solicitaba o posicionamento nesta materia de todos os sectores implicados.
Ademais de incluír a conexión de banda larga de 1 Mbit, a Xunta tamén solicita establecer unhas prestacións mínimas garantidas de, polo menos, o 50% de velocidade, e impedir que se fale de velocidades irreais que non se lle garantan aos usuarios.
Neste sentido, o Goberno galego advirte que non aceptará períodos transitorios na calidade dos servizos mínimos que supoñan a discriminación dos usuarios en zonas rurais, e pide a instalación inmediata de novas prestacións para os usuarios que o soliciten e a actualización dos servizos de xeito gradual para aqueles cidadáns que non fagan esa demanda inmediata.
A Xunta quere que este servizo estea ademais garantido para calquera vivenda ou edificación na que se realice actividade económica xa que, actualmente, o servizo universal non está garantido fóra das zonas urbanas, agás no caso das vivendas habituais. Trátase de evitar, deste xeito, que parte das empresas, explotacións gandeiras, obradoiros ou outras edificacións espalladas pola xeografía galega queden fóra da prestación deste servizo.
Ademais a Xunta (coincidindo cunha demanda presentada xa por Telefónica) esíxelle ao Ministerio de Industria que se pronuncie sobre as solicitudes de servizo universal consideradas como razoables ou non razoables e tamén que se realice un control efectivo por parte das administracións sobre as solicitudes que se consideran xustificadas.
De igual xeito, o Goberno galego quere que as administracións públicas sexan coñecedoras das coordenadas xeográficas dos edificios nos que non se pode ofrecer o servizo por cable e nos que sexa preciso empregar servizos radioeléctricos para poder controlar e planificar as melloras no servizo sen depender exclusivamente da empresa de telefonía que o presta.
En canto aos servizos de telefonía propiamente ditos, a Xunta solicita que haxa información fiable nas guías telefónicas e que se identifique o número de menor custo para as consultas telefónicas de información, o 11818, xa que coa información actual a penas se diferenza doutros servizos con custos moito máis elevados. Outra das demandas que o Goberno autonómico lle fai ao Ministerio de Industria é permitir que outras compañías telefónicas, distintas da que ten a obriga de servizo universal, poidan tamén atender a persoas con discapacidade ou necesidades sociais e que esta prestación sexa financiada con cargo aos fondos económicos que garanten o servizo universal.
Por último, o Executivo autonómico esixe que se garanta que o servizo de información telefónico sexa prestado en lingua galega e nas demais linguas cooficiais de España. Inexplicablemente, na definición actual deste servizo público esta obriga non está recollida.
A Xunta pide a Industria a universalidade da banda larga a 1 Mbps e que os servizos de atención telefónica estean dispoñibles en galego
Compartir Este Artigo

