A Rede xa non é estática, en moitos casos move á participación dos usuarios de tal xeito que non se concibe sen eles, practicamente construtores de fondos, canles e contidos. Tirar o máximo partido desta Internet social (2.0) co obxectivo de impulsar estratexias de promoción territorial das cidades foi un dos obxectivos das sétimas Xornadas Sindur que se celebraron este luns 14 no Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, en Santiago, baixo o epígrafe Da cidade dixital á cidade aumentada.
A xornada incluíu catro relatorios vinculados, de diferente xeito, ao emprego intelixente das novas tecnoloxías da información e, dentro delas, ás que se sitúan máis preto do usuario e da súa capacidade de manobra.
As sesións foron impartidas polo profesor da Universidade Carlos Ferrás Sexto, os arquitectos Mmasa Luciano Alfaya e Patricia Muñíz e Enric Senare, director do Urban Lab Cornellá.
Os encontros continuaron pola tarde cun debate sobre as conclusións principais da xornada.
Detrás deste evento estivo o grupo de investigación GIST da Universidade de Santiago, que con estas xornadas procura atopar canles axeitadas para a superación do modelo de cidade dixital clásica que promove a formación da xente no emprego da Rede, a posta en marcha de páxinas webs locais ou o fomento dos telecentros. A idea, máis polo miúdo, é ir cara a un novo concepto de espazo urbano aumentado que impulse a achega de produtos territoriais, empresas locais e sociedade civil a través das redes sociais e de Internet, apuntalando o desenvolvemento económico e a innovación.
O encontro Sindur procurou canles para superar a cidade dixital clásica
Compartir Este Artigo
