Iniciador Galicia, o programa para impulsar a creación de empresas TIC na nosa terra (do que falamos hai uns días nesta web para dar conta dunha actividade propia de seu na Coruña), prosegue adiante cunha xornada sobre as oportunidades de negocio e de comunicación que poden achegar as redes sociais. A cita será este venres 18 de decembro ás 19.00 horas na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense. Entre outros especialistas galegos na materia (nisto de tirar partido estratéxico das vantaxes da Rede que máis move á participación do usuario, a Rede 2.0), o acto contará coa presenza activa de Berto Yáñez, coordinador de proxectos de A Navalla Suíza e responsable de iniciativas en liña como Aduaneiros sem Fronteiras ou Chuza!, e Álvaro Gómez, programador de A Navalla Suíza e artífice de proxectos ligados ás redes como eOrdes.com, Zeembo ou Simplifica.
O gran obxectivo da actividade de Iniciador Galicia é pór de manifesto as vantaxes sociais, comunicativas, informativas e empresariais deste tipo de proxectos participativos. Entre outros aspectos máis concretos, a xornada servirá tamén para facer un percorrido pola historia de A Navalla Suíza, constituída por un equipo multidisciplinar no que cada membro achega os seus coñecementos nun eido concreto de traballo (xestión de proxectos, imaxe, contidos, asesoramento, etc) e a través do que se reestrutura dende o seu alicerce a comunicación co cliente, máis directa e encamiñada a deixar claro que facer unha web é algo máis que presentar unha tarxeta de visita en liña.
Polo que respecta á feitura do evento mesmo preparado por Iniciador, dicir que poderá seguir por Twitter (@iniciador GAL) e que a semana que vén está prevista a publicación do vídeo da xornada na páxina do programa. O encontro dará comezo ás 19.00 horas.
Os responsables de A Navalla Suíza falarán da súa experiencia este venres en Ourense
Compartir Este Artigo

