Galicia Confidencial, a web de actualidade política galega de referencia no sector, vai comezar unha nova etapa na Rede, profesionalizando os seus servizos e converténdose nun diario dixital cun deseño renovado e cun novo abano de colaboradores de opinión.
Entre as novas fichaxes para esta web destaca a presenza de Mar Barcón (PSdeG), Manuel Ruiz Rivas (PPdeG), Xesús Veiga (BNG), Fernando Blanco (BNG) Serafín Martínez (ciclista), Manel Pardo (xornalista) ou Manuel Barreiro (xornalista), entre outros persoeiros, que contribuirán cos seus artigos para cubrir unha nova etapa en Internet desta entidade galega.
Asemade, o sitio contará coa participación puntual doutros políticos como como José Manuel Lage, Ivan Puentes, José Manuel Baltar, Antonio Rodríguez Miranda, Carlos Aymerich ou Teresa Táboas entre outros.
A nova web inclúe novidades tecnolóxicas dentro da prensa dixital galega, e vai ser, segundo afirman os seus responsables, “o primeiro diario en liña do país que se poderá actualizar a través do móbil”, algo que segundo engaden, “contribuirá a consolidalo como o sitio ao que acudir para coñecer antes as claves do futuro político do país”.
Por outra banda, e tras chegar a un acordo de intercambio de contidos con varias ducias de webs, Galicia Confidencial ofrecerá información polo miúdo de ata doce comarcas.
Trátase de contidos aportados por xornalistas locais e blogueiros de todo o país, que coñecen mellor que ninguén o funcionamento cotiá dos concellos e outras institucións locais.
A nivel autonómico, o portal seguirá a tratar temas relacionados coa información política, e contará con seccións especiais dedicadas tanto aos tres partidos con presenza no parlamento como as formacións con menos cargos electos.
Como novidades, o deseño incluirá un espazo propio no que aparecerán contidos xerados polos seguidores do confidencial nas redes sociais como Youtube, Twitter ou Facebook e ademais, o equipo técnico de Galiciaconfidencial.com xa traballa nun sistema para que sexan os lectores os que decidan que temas se abordan neste diario.
Galicia Confidencial convérterse nun xornal electrónico
Compartir Este Artigo

