A curta de ficción X nada, da productora compostelá Ficción Producciones, dirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre, sobre un guión do propio Toni Veiga e de Manolo Dios (Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz), vén de ser seleccionada entre as 10 mellores do ano para os Premios Goya da Academia do Cine, un galardón ao que opta na categoría de Mellor Curta de Ficción.
O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz colaboraron activamente nesta iniciativa, e a curta, que se pode ver na páxina do Seminario, está a empregarse actualmente nos colexios e institutos galegos para traballar a mellora da convivencia escolar, tanto co alumnado de secundaria como cos pais e as nais.
X nada, que ten un gran valor didáctico e pedagóxico, foi remitida de balde a tódolos centros educativos de Galicia de ensino secundario no inicio do presente curso escolar, onde os alumnos e alumnas coñeceron a peculiar historia dun alumno de instituto coma eles que ten ao seu alcance as novas tecnoloxías e Internet.
O filme aborda un caso de violencia xuvenil protagonizado por Roi e algúns colegas do Instituto que practican un xogo moi especial, “Catro e Youtube” que consiste en grabar un acto violento, colgalo en Internet e distribuilo entre o alumnado, un xogo que terá consecuencias para tódolos seus protagonistas.
A curta, entre outras cousas, obriga ao espectador a reflexionar sobre os modelos educativos actuais, e móstralle ao alumnado as consecuencias que, en moitas ocasións, poden derivar dos seus actos reais ou virtuais.
A curta de ficción galega X nada, seleccionada para os Premios Goya
Compartir Este Artigo

