No marco da presentación do Servizo de Resposta ante Incidentes de Seguridade da Información para as Aministracións Públicas do Centro Criptólogo Nacional, o subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade da Xunta, Xaime Barros incidiu na importancia de traballar na seguridade e na eliminación de riscos no trasvase de información a través da Administración electrónica, un obxectivo que, segundo afirmou, “debe manifestarse no dobre papel de lograr a correcta adecuación á normativa de protección de datos de carácter persoal, e no establecemento de medidas de todo tipo (físicas, técnicas, organizativas, legais e de formación e concienciación) dirixidas a minimizar os riscos que afectan á seguridade informática”.
Neste sentido, a Xunta de Galicia anunciou que está a traballar na redacción do Plan Director de Seguridade da Información, que establecerá as actuacións a levar a cabo pola Comunidade Autónoma nesta materia. Dentro das mesmas, indicaron, “prestarase especial atención á análise de riscos, que trata de identificar os perigos aos que están sometidos os activos para poder facer un estudo sobre os custos e beneficios das medidas necesarias para arranxalos”.
Este Plan busca, asemade, controlar o acceso á Rede para garantir os mecanismos de seguridade dos usuarios e para elo, segundo afirman, “estableceranse os servizos de autentificación e autorización de usuarios e a creación dun directorio corporativo”.
Barros aproveitou a súa intervención para manifestar o compromiso da Secretaría Xeral co impulso da Administración electrónica e o exercicio do liderado das iniciativas en materia da sociedade da información, “como elemento indispensable para a modernización da Administración pública e como eixo vertebrador da sociedade galega”.
Nesta xornada, que organizou a Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica da Xunta e o Centro Criptológico Nacional (dependente do Centro Nacional de Intelixencia, CNI), interviron tamén o subdirector adxunto do Equipo de Resposta ante Incidentes da Seguridade da Información do CCN, Luis Jiménez, e o supervisor dese organismo, Javier Candau.
Ambos os dous presentaron ante os asistentes este Equipo de Resposta, creado para contribuír á mellora do nivel de seguridade dos sistemas de información das Administracións públicas. Deste xeito, as Administracións poden acceder a gran número de servizos, totalmente gratuítos, cos que mellorar o nivel de seguridade dos seus sistemas e resolver calquera incidente a nivel informático.
A Xunta busca mellorar o nivel de seguridade da súa eAministración
Compartir Este Artigo

