No marco da presentación (celebrada hoxe en Vigo) do manual TIC promovido por Ineo tamén houbo tempo para albiscar as estratexias a prol do fomento dixital que a Xunta vai poñer en marcha a curto, medio e longo prazo. De feito, contouse no auditorio da Zona Franca (lugar que deu acubillo á posta en longo da obra Sistemas de Información: Ferramentas prácticas para a xestión) coa presenza da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, quen amais de salientar positivamente a natureza deste proxecto (como dixemos, unha guía para axudar ás nosas empresas a dixitalizarse), garantiu o compromiso do seu departamento en beneficio do dito sector empresarial.
Segundo informou durante a súa intervención, a aposta do Executivo galego por permitir un meirande desenvolvemento do noso talento é decidida: “O Goberno da Xunta sabe que as novas tecnoloxías son un magnífico instrumento para lograr o progreso económico na nosa comunidade, así como unha oportunidade para acadar a cohesión social e interna e potenciar a Galicia única”, subliñou.
Como dixemos, Mar Pereira tamén tivo palabras para a iniciativa presentada hoxe por Ineo, un manual TIC para as empresas que resume en boa medida a estratexia recente na que está envolta arestora a asociación Ineo. A secretaria xeral salientou “o firme propósito de Ineo de seguir impulsando as telecomunicacións, baseándose nas súas fortalezas: o talento dos profesionais, das empresas e o talento das universidades galegas”. Polo que atinxe ao libro, cualificouno de obra de referencia en canto á aplicación das novas ferramentas da información no eido empresarial, co obxectivo de modernizalo. Como proba da súa pegada, engadiu, fixo referencia a que as anteriores edicións da publicación están a ser empregadas en máis de 50 universidades de España e Latino América nas materias vinculadas á información.
Mar Pereira anuncia en Vigo un compromiso firme co noso tecido empresarial TIC
Compartir Este Artigo
