En España a Rede segue a ser cara, e máis se temos en conta o que de velocidade ofrecen as operadoras (en termos xerais). Esa é a opinión da maioría dos internautas e, polo tanto, é a que vale. Polo menos así o reflicte a rede de blogs Ocio Networks, comunidade de máis de cinco millóns de usuarios que vén de elaborar un informe (Estudo de Hábitos de Internet) sobre a base de 2.075 internautas entrevistados. Entre os apartados máis interesantes cóntanse sen dúbida os das opinións directas sobre as condicións de calidade e prezo dos servizos de acceso á Rede que as diferentes empresas poñen no mercado, non saíndo ben paradas case ningunha delas. Así, máis do 60% das persoas que participaron na enquisa aseguraron que o prezo da conexión en España é caro en relación coa velocidade da que se goza, opinando o 34,4% que a súa solución de Rede é acorde co que se paga e un miúdo 4,7% que é barato.
Por Comunidades, sinálase no estudo, os cidadáns de Navarra, Aragón e Baleares son os que cualifican os custes de máis elevados (arredor do 70%) ficando no extremo oposto os murcianos, os asturianos e sobre todo os rioxanos. Para os responsables de Ocio Networks, trátase dunha eiva histórica que arrastra España e que condiciona en boa medida os relativamente baixos niveis de penetración da Internet de alta velocidade. E proseguen: “En España aínda fican lugares de máis aos que non chegan as liñas ADSL ou onde estas seguen a ser de 1 Mb. O prezo e a falta de desenvolvemento en determinadas zonas provoca que a media de conexión en España ande polo 51% dos fogares, por baixo da media europea que anda a rentes do 60%”.
Os internautas españois afirman que o acceso á Rede segue a ser caro
Compartir Este Artigo
