Co principal obxectivo de crear centros educativos dixitais nos que os métodos de ensino, os materiais e, en xeral, os recursos pedagóxicos, pasen de ser os tradicionais aos dixitais, o Consello da Xunta de Galicia vén de autorizar a sinatura dun Convenio de colaboración co Ministerio de Educación para a aplicación do proxecto Escuela 2.0 na nosa comunidade.
Trátase dun acordo, en virtude do cal, o Goberno central, da man do Ministerio de Educación, e a Xunta de Galicia, da man da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, achegarán un total de 8 millóns de euros para implantar a Escuela 2.0 no noso país e integrar as novas tecnoloxías da información e a comunicación nos nosos centros educativos.
Coa implantación do Escuela 2.0, dotarase ás aulas galegas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria de taboleiros dixitais e conexión sen fíos a Internet. Ademais, cada docente, alumno e alumna destes mesmos cursos terá o seu propio ordenador portátil, que poderá empregar como ferramenta de traballo, tanto na clase como na casa.
Para garantir a correcta aplicación deste proxecto educativo, o profesorado recibirá a formación adicional necesaria para adaptarse ao ritmo que marcan as novas tecnoloxías, unha formación que estará asegurada non só nos aspectos técnicos, senón tamén nos metodolóxicos e sociais, para a integración destes recursos na súa práctica docente cotiá. As autoridades educativas porán tamén á disposición do profesorado contidos educativos dixitais e ferramentas informáticas que garantan o uso controlado das TIC no ámbito escolar, suxeitos preferentemente ás licenzas públicas de Creative Commons, que permiten compartir e empregar contidos sen necesidade de aboar dereitos de autor.
Galicia aplicará o proxecto Escuela 2.0 nos seus centros educativos
Compartir Este Artigo

