Os servizos financeiros en liña de Caixanova, agrupados baixo a marca Enova, veñen de ser elexidos como “o quinto mellor espazo dunha entidade financeira en Internet”, e “o segundo dunha caixa de aforros”, segundo o II Estudo de persuabilidade da banca online elaborado pola consultora de estratexia e mercadotecnia en liña Multiplica. Esta análise, que radiografou a presenza na Rede dos principais bancos e caixas de España, considerou sete criterios que valoran diversos aspectos como a confianza que ofrecen, a experiencia do usuario ou a intelixencia comercial, entre outros.
O estudo coloca a Caixanova como “a segunda caixa de aforros con mellor presenza en Internet”, posto que o servizo en liña da caixa de aforros, que foi redeseñado e dotado con novos contidos fai xusto un ano, destaca polo uso de lanzadeiras que se adaptan ás necesidades do usuario. Estas ferramentas permiten aos clientes acceder de forma intuitiva dende a portada á información detallada dos produtos que máis satisfagan as súas necesidades.
O informe tamén revela o esforzo da entidade financeira en adaptar os contidos en Internet dos seus produtos aos diferentes públicos obxectivos. A través da segmentación, o portal conta con itinerarios personalizados para cada tipo de cliente, como son as empresas, asalariados, mozos ou sector agrario, entre outros. Co uso destas divisións ofrécese, segundo informan dende a entidade bancaria, a posibilidade de adaptarse “do xeito máis fiel“ ás necesidades dos clientes.
Outro dos aspectos que a consultora Multiplica valorou especialmente na banca electrónica de Caixanova é a páxina principal. O estudo remarca aspectos como a capacidade de atraer o cliente a través do uso de contidos multimedia ou cun deseño que involucre o cliente. Por outra parte, tamén insiste na selección coidada de temas que compoñen a portada da caixa galega en Internet, e recoñece a progresiva transformación da páxina web, “valorando a funcionalidade á hora de permitir todo tipo de operacións”.
A banca en liña de Caixanova sitúase entre as cinco mellores de España
Compartir Este Artigo

