Comeza a vaga de prognósticos tecnolóxicos para un ano que se albisca xa caéndonos enriba. Entre os que nos toca máis de preto, posto que a nosa terra segue a ter certa vantaxe no que se refire ao uso e despregamento da tecnoloxía á que vai ligado (con todas as melloras que están pendentes de darse, que son moitas), atopamos un prognóstico dos que teñen potencial para mover isto da Rede e ampliar a comunidade de usuarios, ata o de agora restrinxida por dúas grandes razóns: a falta de accesos e o elevado prezo dos que xa existen. Pois ben, segundo se conta en Lawidawifi facéndose eco dun estudio de AdMob sobre os logros deste 2009 que remata, o ano que vén será o ano sen fíos por excelencia, 12 meses para un fluxo constante de dispositivos, servizos, ofertas e novos despregamentos, feixe de novidades entre as que vai destacar o acceso á Rede móbil a través de smartphones e Wi-Fi, tal e como está xa a acontecer en Estados Unidos, onde unha parte do total de accesos á Internet faise mediante estas vías.
Segundo conta AdMob, o ano 2009 non fai máis que confirmar esta tendencia, cunha taxa de emprego da conexión Wi-Fi do 24% fronte ao ano anterior e cunha porcentaxe de accesos á Internet con teléfonos intelixentes do 48%, sendo a cifra do ano previo do 31%. No informe tamén se achegan datos sobre os aparellos móbiles de maior presenza, cun ranking encabezado polos smartphones, os iPhone e o iPod de Apple ou as consolas móbiles como a PSP de Sony ou a Nintendo DS. Con todo, cómpre salientar o medre dos móbiles co sistema operativo de Android ao longo da recta final deste 2009.
O acceso Wi-Fi en móbiles, unha das grandes tendencias tecnolóxica de 2009
Compartir Este Artigo
