A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) informou este luns das liñas formativas a seguir pola entidade educativa ao longo do novo ano que xa se albisca, liñas nas que se inclúe unha especial atención ás novas tecnoloxías do coñecemento e á divulgación do referente a elas en materia de xestión pública. Entre as novidades dadas a coñecer inclúese un medre no número de actividades previstas con respecto ás de anos anteriores e un incremento da cifra de prazas dispoñibles. E todo isto, informaron os responsables da Escola, malia os orzamentos axustados dos que se dispoñen. En termos máis concretos, incrementarase un 10% a oferta formativa, de 507 a 559 actividades, e as prazas pasarán de 20.354, o presente ano, a 23.775 para o 2010.
Por certo que na convocatoria de hoxe tamén se deu a coñecer un dos grandes obxectivos da EGAP para o ano que está a piques de comezar: o pulo á teleformación (formación apoiada nas novas tecnoloxías dixitais que amplía os límites da aula ata onde se desexe).
Deste xeito, está programado un medre nas prazas dispoñibles, que pasarán das 6.960 do presente ano ás 8.299 de 2010. Este programa específico insírese no proxecto EGAP 2.0, “unha iniciativa de apertura á sociedade e aos empregados públicos galegos nunca relación bidireccional e constante”.
Entre as materias formativas para o vindeiro ano destacan as políticas demográficas, protección de medio ambiente e do paisaxe, a colaboración público-privada cara a un sector público sostido e eficiente, o Tratado de Lisboa, os fondos comunitarios en I+D+I ou a custodia do territorio, entre outras.
Asemade, en 2010 auméntase a oferta de cursos directivos e recuperase a formación para xefes de sección e xefes de negociado, administración electrónica e urbanismo. Ademais, tamén aumentan o alumnado en actividades formativas sobre linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega, que se incrementa un 10% o vindeiro ano.
A Escola Galega de Administración Pública reforza o seu programa de teleformación
Compartir Este Artigo

