MundiNova Consultores de Comunicación, empresa con sede en Vigo, vén de publicar un estudo sobre os nosos hábitos á hora de consumir novas (por onde preferimos que cheguen, cales son os temas que máis nos gusta ou nos gustaría ver reflectidos e como nos afecta o cambio de canles e formatos coa chegada da sociedade dixital) que, sen achegar grandes achados sobre a cuestión que máis nos ocupa en Código Cero, a cousa redeira e o moito que tarda en chegar a todas e todos, si que ten interese para que dende os medios dixitais afrontemos o ano novo como unha boa oportunidade para mellorar a nosa imaxe e a nosa credibilidade. Por certo que unha boa parte da culpa desta mala imaxe tena precisamente a prensa off line, emperrenchada dende hai tempo en subliñar o malo da Rede e silenciar o que ten de bo, pero esta é outra historia.
Pois ben, segundo se conta no informe en cuestión (Estudo de opinión da sociedade galega sobre hábitos no uso da prensa), máis do 90% dos cidadáns do noso país opinan que a calidade dos contidos da comunicación tradicional é moi boa, boa ou razoable, e unha boa porcentaxe dos mesmos sostén que son máis fiables cós que chegan por outras canles, incluída a que nos toca de preto: a Rede.
O dato, malia ser curioso, non deixa de ter a súa lóxica: para a sociedade galega, como para outras sociedades, o que se conta na prensa escrita, aínda que sexa unha mentira máis que sospeitosa de selo, debe ser verdade polo simple feito de ter sido publicada. O estudo de Mundinova, elaborado entre xullo e outubro de 2009 entre 200 cidadáns das catro provincias galegas, achega moitos outros datos de interese, como por exemplo as canles de comunicación que preferimos os galegos (a televisión e a prensa escrita, con diferenza sobre as demais), os hábitos por sexos (as mulleres prefiren, nesta orde, a televisión, a prensa escrita e a radio; e os homes a prensa escrita, a televisión e Internet) ou os prognósticos sobre a comunicación que a cidadanía galega achega (prognósticos non moi positivos para os medios dixitais, xa que case a metade dos galegos pensan que estas canles en liña non van substituír aos xornais de toda a vida).
A sociedade galega outorga máis fiabilidade á prensa tradicional cós medios dixitais
Compartir Este Artigo
