A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que na actualidade conta cun total de 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega, non se permitiu o luxo de descansar no Nadal e aproveitou estas datas nas que moita xente colle vacacións para seguir achegando as novas tecnoloxías á cidadanía que máis o necesita.
Foi o caso do Centro de Sada, que non só non parou nas pasadas Festas para darlle un descanso aos ordenadores (que xa deben botar fume), senón que xa vén de anunciar novas actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías no vindeiro mes de xaneiro.
Segundo vén de informar o seu persoal dinamizador, Lucía Sanz e Víctor González, a acción formativa do CDSI de Sada comezará o ano o vindeiro venres, 8 de xaneiro, ás 19:00 horas, coa charla de difusión Coñecendo un pouco máis o correo electrónico, a cal responde ás demandas das persoas usuarias de profundizar nos contidos desenvolvidos nos obradoiros pasados.
Por outra banda, durante o mes de xaneiro tamén se levarán a cabo os seguintes obradoiros:
-Iniciación á informática: con esta actividade preténdese que os usuarios e usuarias aprendan a manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas …) e funcionalidades básicas que ofrece un computador, neste caso usando un sistema operativo baseado en software libre. Haberá tres quendas: do 11 ao 15 de xaneiro as dúas primeiras, de 9 a 11 horas e de 18:30 a 20:30 horas respectivamente; e a terceira do 18 ao 22 de xaneiro, de 18:30h. a 20:30h.
-Folla de cálculo: Calc: as persoas asistentes, ao finalizar este obradoiro serán quen de manexar a aplicación de follas de cálculo OpenOffice Calc de maneira moi básica. Terá lugar do 18 ao 22 de xaneiro, de 9 a 11 horas.
-Iniciación a Internet: este obradoiro pretende capacitar ás persoas usuarias para que sexan quen de utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa Rede. Desenvolverase en dúas quendas do 9 ao 11 de xaneiro pola mañá de 9 a 11 horas e de 18:30 a 20:30 pola tarde.
As persoas interesadas en inscribirse ou solicitar máis información sobre estas e outras actividades, poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Sada, sito na Praza da Igrexa Nova, 7 –Baixo, chamar ao teléfono 881 963 718 ou mandar un correo electrónico a calquera dos seguintes enderezos: lucia.sada@dinamiza.fundacioncalidade.org e victor.sada@dinamiza.fundacioncalidade.org.
A Rede de Dinamización presenta o seu programa para xaneiro en Sada
Compartir Este Artigo

